A sétima edición de “Chandrexa Trail” ofrece tres carreiras e unha andaina

O evento deportivo terá lugar o vindeiro 25 de xuño no Concello de Chandrexa de Queixa.

A sétima edición de “Chandrexa Trail” celebrarase o vindeiro 25 de xuño no municipio de Chandrexa de Queixa, ofrecendo aos participantes tres carreiras e unha andaina de diferentes dificultades. A presentación deste evento deportivo tivo lugar esta mañá no Pazo provincial, acto no que participou o deputado provincial de Deportes, Juan Anta; o concelleiro de Deportes de Chandrexa de Queixa, Bernardino Rodríguez; e o director da carreira, Diego Martínez.

Juan Anta destacou que a Deputación de Ourense “sempre está ao carón deste tipo de iniciativas que aúnan deporte, natureza e turismo e que son unha gran oportunidade para dar a coñecer os nosos territorios”. A sétima edición desta proba deportiva demostra “que se trata dun evento consolidado no calendario deportivo ourensán de referencia nas probas de trail de Galicia”.

A carreira por Montaña Chandrexa Trail é a cuarta proba da Copa Galega de carreiras por montaña 2017, e conta cun percorrido de 34 quilómetros, saíndo ás 8.30 horas diante da Casa Consistorial na localidade de Celeiros.

Outras das probas a desenvolver ese día serán o minitrail que conta cun percorrido de 18 quilómetros e que saíra ás 10.00 horas, sendo puntuable para a Copa Junior, e a carreira de 7,3 quilómetros que saíra ás 10.30 horas e que será puntuable para a Copa Galega Cadete e a súa vez estará dispoñible para todo aquel que se queira iniciar no mundo do trail. Asemade, o evento acolle tamén unha andaina de 18 quilómetros que sairá ás 9.00 horas, todas elas desde o edificio do Concello de Chandrexa de Queixa.

As probas discorrerán por camiños, pistas forestais e campo a través polo Macizo Central Ourensán e todas elas contan con postos de control e avituallamentos, explicou o director da carreira.

O concelleiro de Deportes de Chandrexa de Queixa destacou que desenvolver este evento “fomenta a práctica do deporte na nosa zona e permite dar a coñecer o noso territorio”.

Asemade, este ano, a proba “colabora coa Asociación Galega de Fibrosis Quística onde calquera interesada poderá realizar un donativo para a axudar a todos aqueles que sofren esta enfermidade”, sinalou o director da carreira.

Os interesados en participar poderán facelo a través das web www.chandrexatrail.com ou en www.championchipnorte.com, epresencialmente en “Agromacen”, en Trives, ou en “Runmaniak”, en Ourense, estando aberto o prazo ata o 22 de xuño. “Ata o momento contamos con máis de 200 inscritos, mantendo a mesma liña ca noutras edicións anteriores”, dixo Diego Martínez.

O número máximo de participantes será de 300 para a carreira de 34 quilómetros, 150 para as carreiras de 18 e 7,3 quilómetros, e de 200 persoas para a andaina.