A Veiga celebra o “Día da Montaña Galega” lembrando a “Aperta a Trevinca”

O evento terá lugar o vindeiro 17 de xuño, coincidindo co XV aniversario de cando por primeira vez soaron as gaitas en Pena Trevinca.

O Concello da Veiga celebrará o vindeiro 17 de xuño, o “Día da Montaña Galega” co XV aniversario de “Unha aperta a Trevinca”, de cando por primeira vez soaron as gaitas en Pena Trevinca, como saúdo a tódalas montañas galegas desde A Cima de Galicia. A presentación tivo lugar esta mañá no Pazo Provincial, acto no que participou o deputado provincial de Cultura, Manuel Doval; o alcalde da Veiga, Juan Anta; e o presidente do Club de Montaña O Trisquel de Trevinca, Antonio Fernández.

O deputado de Cultural, Manuel Doval salientou a importancia de levar a cabo este tipo de eventos porque “o medio rural galega e a montaña en especial, son un verdadeiro paraíso que é necesario coñecer e respectar”, e engadiu “isto unido a outras actividades culturais como a música a través dese instrumento tradicional, a cornamusa, fan deste evento un completo día de celebración”.

Pola súa parte, Juan Anta sinalou que o obxectivo deste evento é “institucionalizar esta celebración para os vindeiros anos e desenvolver actividades tódolos 17 de xuño en homenaxe a Trevinca, que debe ser o paraugas que abandeire o turismo en A Veiga”. Asemade, o alcalde da Veiga destacou que este Día “queremos que simbolice o respecto ao medio e aos nosas montañas así como, o desenvolvemento sostible” e adiantou que continuarán a traballar para que o municipio da Veiga sexa “o lugar de referencia do turismo de montaña de Galicia”.

O programa de actividades comeza o venres, 16 de xuño, ás 20.30 horas, coa proxección de “Unha aperta a Trevinca” polos gaiteiros de A Veiga, que por primeira vez na historia, o 1 de setembro do 2002 as gaitas soaron nunha homenaxe a Trevinca fai agora 15 anos. Ao día seguinte, o 17 de xuño, ás 9.00 horas, terá lugar a saída desde Vilanova ata Pena Trevinca, e ás 13.30 horas, será a quenda para a celebración en Pena Trevinca do “Día da Montaña Galega” e XV aniversario “Unha aperta a Trevinca” coa interpretación do himno do antigo Reino de Galicia por Adrián Cotado Rodríguez que volverá a emocionar a todos lembrando aquela inesquecible xornada de 15 anos atrás. Finalmente, ás 14.30 horas, realizarase a saída de Pena Trevinca e o peche da celebración en Vilanova.

O presidente do Club de Montaña O Trisquel de Trevinca destacou o papel dinamizador da  montaña ao asegurar que é “un medio rentable capaz de que un territorio se desenvolva economicamente” e lembrou que a montaña “predomina en todo o territorio galego, pero especialmente na provincia de Ourense, onde se atopa a Cima de Galicia e o conxunto de montañas máis importantes da Comunidade Autónoma, en Pena Trevinca”.

Asemade, Antonio Fernández dixo que o 17 de xuño repetiremos “aquel saúdo que os gaiteiros da Veiga fixeron en homenaxe ás montañas fai 15 anos, facendo soar aquelas notas do himno do antigo Reino de Galicia”, por elo, “queremos instituír o Día da Montaña Galega”.