O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, xunto ao asesor de Deportes da Deputación, Bernardino González recibiron hoxe no Salón de Plenos do Pazo Provincial, ao equipo de fútbol sala feminino “Ourense Envialia”, que vén de lograr o título da Copa de España, despois de gañar por 2-3 na prórroga ao Atlético de Madrid.
Baltar agradeceulles ao club “facer campións a toda a provincia de Ourense” e recoñeceu “a dificultade que supón chegar a unha final, e aínda máis facerse co título”. Asemade, o presidente do goberno provincial destacou “o gran traballo, traxectoria e a ilusión de moitos anos que hai detrás desta vitoria”.
“La Vuelta” ciclista, que saíu por primeira vez na historia de Ourense, foi o evento deportivo máis destacado do ano 2016, e a vosa Copa será o feito máis importante deste 2017 no eido deportivo”, engadiu Manuel Baltar, quen engadiu que “este hito xa forma parte da historia deportiva de Ourense”.
As xogadoras estiveron acompañadas polo presidente do Club, Camilo Díaz e polo seu equipo técnico durante a recepción a cal agradeceron “polo recoñecemento a todo o noos traballo e esforzo” sinalou a capitá do Ourense Envialia FSF, Marta Figueiredo.