O turismo deportivo cotízase en alza xerando 12.000 millóns de euros ao ano en España

Así o destacaron hoxe os expertos na xornada profesional, organizada pola Deputación de Ourense a través do Inorde, que reuniu a 120 participantes para afondar en cuestións vencelladas a esta actividade que representa o 10% do fluxo turístico en España.

Os expertos coincidiron na importancia de innovar, do emprego das novas tecnoloxías, da transformación das infraestruturas deportivas en atractivos turísticos, do impacto económico que supón o deporte nos territorios, a necesidade de desestacionalizar os deportes e a transmisión de valores das entidades a través do patrocinio de eventos deportivos e os “intanxibles” que van asociados aos mesmos.

Na xornada destacouse o papel que exerce Ourense no panorama automobilístico español, sendo a provincia que leva máis de 50 anos a celebrar rallys co seu correspondente impacto económico, así como a idoneidade da provincia para acoller eventos de remo.

“Non hai mellor canal de comunicación que os eventos deportivos de elite para a promoción turística, dado que os mellores prescriptores son os deportistas”, sinalou o director xeral de Unipublic – La Vuelta.

Con esta nova iniciativa, a institución provincial supón un pulo máis a prol de converter a “Ourense no destino de referencia no mundo do deporte, aproveitando as súas condicións orográficas e a súa situación xeoestratéxica”, destacou Rosendo Fernández, na inauguración da xornada hoxe no Balneario de Laias.

O turismo deportivo cotízase á alza, xerando 12.000 millóns de euros ao ano en España (datos do ano 2017), tal e como destacaron hoxe os profesionais do sector na xornada profesional organizada pola Deputación de Ourense a través do Instituto ourensán de desenvolvemento económico, na que participaron 120 persoas para actualizar os seus coñecementos sobre esta actividade que supón o 10% do fluxo turístico en España.

Os expertos que interviñeron organizados en catro temáticas, coincidiron na importancia de innovar constantemente en materia de deporte, da necesidade de empregar as novas tecnoloxías e sacarlle o máximo rendemento para darlle valor engadido ao turismo deportivo ofrecendo aos usuarios experiencias inmersivas ou outras posibilidades para o desfrute do deporte. Tamén, ao longo da mañá, a través das experiencias prácticas dos relatores, os participantes puideron coñecer como se pode transformar unha academia, unha infraestrutura deportiva, nun dos principais atractivos turísticos dun territorio. Os expertos tamén coincidiron no impacto económico que ten o deporte nos territorios e na importancia de desestacionalizar os deportes para que ese impacto non varíe moito ao longo do ano.

Outra das conclusións ás que chegaron os profesionais esta mañá é o recurso que teñen as entidades para transmitir os seus valores a través do patrocinio de eventos deportivos, isto é, asociar unha empresa a un deporte en concreto. No eido do patrocinio, tamén se destacou o papel que exerce Ourense no panorama automobilístico español, con máis de 50 anos de historia acollendo rallys na provincia.

No panel de eventos, os expertos centraron a súa intención nos “intanxibles” que teñen os eventos deportivos que son “o mellor canal de comunicación para a promoción turística e a razón está en que temos os mellores prescriptores, os deportistas”, sinalou o director xeral de Unipublic – La Vuelta.

O vicepresidente da Deputación de Ourense e presidente do Inorde, Rosendo Fernández, xunto á secretaria xeral de Turismo da Xunta de Galicia, Nava Castro, inauguraron hoxe, no Balneario de Laias, este cumio que supón un pulo máis a prol de converter a “Ourense no destino de referencia no mundo do deporte, aproveitando as súas condicións orográficas e a súa situación xeoestratéxica”, destacou o presidente do Inorde.

Rosendo Fernández lembrou que o presidente da Deputación de Ourense xa presentara en Fitur 2018 á provincia de Ourense “como un gran estadio multideporte”, que reúne as condicións e características idóneas para “impulsar o turismo a través de propostas deportivas”. Trala presentación en Fitur, a Deputación de Ourense continuou a traballar, coa axuda de expertos, “para crear un ecosistema de turismo deportivo, actuando sobre posicionamento, infraestruturas, promoción, turismo e competitividade e innovación”, explicou o presidente do Inorde.

Os obxectivos son -segundo Rosendo Fernández- xerar impacto económico, desestacionalizar o destino, constituírse en referencia para conseguir eventos deportivos e incrementar as instalacións deportivas. En definitiva, “trátase de impulsar a mellora da calidade de vida dos nosos habitantes”, sinalou o presidente do Inorde.

Coa xornada de hoxe, a Deputación de Ourense consegue dar un novo impulso a este ecosistema de turismo deportivo e “continuaremos a interactuar con tódolos actores deportivos para que a provincia de Ourense sexa ese referente que queremos no mundo do deporte e desa actividade económica que crece tempada a tempada”, destacou Rosendo Fernández. Pola súa parte, Nava Castro fixo unha breve exposición das potencialidades e oportunidades da provincia de Ourense e de Galicia, no ámbito do turismo deportivo.

Coa celebración deste cumio cúmprese unha das propostas realizadas polo presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, no Pleno sobre Estado da Provincia, celebrado o pasado 6 de novembro, no que propuña o desenvolvemento desta xornada para afondar na estratexia de creación dun ecosistema de turismo deportivo, que impulsa a Deputación de Ourense.

Ecosistema do turismo deportivo

Trala inauguración da xornada, o CEO de SPSG Consulting, Carlos Cantó, introduciu o Ecosistema do Turismo Deportivo e destacou, como aspecto clave a ter en conta, que neste sector “tódolos destinos compiten polo mesmo, así que é moi importante diferenciarse”. Asemade, Cantó falou de que non existe un único turismo deportivo, senón que existen seis tipos diferentes: específico, referido ao desprazamento dos turistas a un lugar para practicar un deporte en concreto; eventos, entendidos como unha cita puntual que atrae a numerosos afeccionados pola disciplina deportiva que se desenvolva; academias, dedicadas ao deporte; actividade en destino, cando o deporte non é o motivo polo cal se desprazan os turistas, senón que é entendido como unha actividade complementaria; MICE, referido a congresos ou xornadas como as de hoxe que a través do deporte xeran un impacto económico no territorio onde se desenvolven, e “nostalxia”, entendida como as visitas a Museos ou tours relacionados co deporte. Polo tanto, son numerosos os factores que configuran o ecosistema de turismo deportivo: as entidades deportivas, o sector público, as infraestruturas e equipamentos, o posicionamento do destino, o sector turístico, a innovación vencellada ao deporte e a promoción turística a través de eventos deportivos. Neste último caso, puxo como exemplo algúns dos eventos deportivos que patrocinou o Inorde e que permiten posicionar a Ourense como destino turístico e que contribúen a promocionar a nosa provincia. Posteriormente, a sesión formativa desenvolveuse en catro paneis diferentes que abordaron temáticas diversas a través de varios expertos do sector.

Innovación e tendencias

O primeiro panel, que foi moderado polo redactor de Deportes e Negocio do Diario Expansión, Víctor Cruzado, afondou na cuestión da “Innovación e tendencias” para presentar as principais innovacións dentro do deporte e falar sobre como se poden trasladar ao turismo deportivo. Nel participou a directora xeral de Global Sports Innovation Center powered by Microsoft, Iris Córdoba, quen fixo un repaso polo funcionamento do centro ao que representa e explicou como a tecnoloxía pode achegar un valor máis. Neste mesmo sentido, o mobile technical leader de Brintia, Mario López, explicou a importancia de aplicar a “intelixencia artificial” no ámbito deportivo, é dicir, “dotar ás máquinas de intelixencia humana para mellorar os procesos de negocio cunha maior produtividade, para crear aplicacións intelixentes e axentes dixitais que transformen a interacción entre clientes e empregados dunha empresa”. Así, Mario López, adiantou que se espera que para o ano 2025, “o 95% das interaccións cos clientes se realicen a través de bots (axentes dixitais), o que supón superar as cuestións dos horarios e as dificultades do idioma, mellorando a produtividade dos empregados que poderán centrarse no realmente importante para a empresa”.

Destinos

O segundo panel, moderado polo director xeral da Asociación de Marketing de España, Víctor Conde, centrouse nos “Destinos”. Neste apartado participou o responsable comercial da Rafa Nadal Academy by Movistar, Joan Suasi, quen falou da importancia das academias dentro do mundo do turismo deportivo e de como transformalas en atractivos turísticos do territorio. Joan Suasi centrouse no caso da Academia de Rafa Nadal “creada para deixar un legado ao mundo do Tenis e que incorpora o ADN do tenista profesional”. Asemade, destacou que a raíz desta academia, “conseguimos consagrar un centro turístico deportivo”, cun complexo que está nas mesmas instalacións pensado inicialmente para que “os pais puideran visitar aos seus fillos e ao final, deseñouse para a todo o mundo en xeral, creando un centro de referencia a nivel internacional no mundo deportivo”. Neste sentido, Joan Suasi destacou a importancia que ten para os territorios o deporte tendo en conta que o turismo deportivo “xera riqueza (postos de traballo, provedores…), polo que é importante ter en conta o impacto económico que supón. Na nosa academia temos máis de 240 empregados e temos a mesma ocupación durante todo o ano grazas á desestacionalización”, engadiu o responsable comercial da Rafa Nadal Academy by Movistar

Así mesmo, o director xeral de Pas Grau Internacional-PGI, Julio Ventaja, explicou o funcionamento dos Resorts de Esquí e os seus principais retos, incidindo sobre todo na estacionalidade e destacou, na súa intervención, “a restauración” como característica diferenciadora no sector e o cambio de tendencia na demanda dos usuarios que “non só se desprazan para esquiar, senón que tamén deben existir outras actividades deportivas complementarias”.

Patrocinadores

O panel de “Patrocinadores”, o terceiro da xornada, estivo moderado polo gañador do Tour de Francia 2006, Óscar Pereiro. Nesta parte da xornada, a directora de Marketing Estratégico e Comunicación de Zurich, Silvia Heras, explicou a experiencia da entidade no campo do patrocinio en España e expuxo cómo un patrocinador pode aproveitar o valor que deixan os eventos deportivos nos destinos nos que se celebran. Silvia Heras dixo que a través do patrocinio de eventos deportivos pódese trasladar ao público valores da empresa e que os clientes asocien a empresa cun deporte.

Neste sentido, a directora de Marketing de Suzuki Ibérica, Pilar Enjuto, disertou sobre o automobilismo deportivo como soporte para a promoción dun destino turístico deportivo. “Os eventos deportivos cambiaron, introducíndose na sociedade dun xeito diferente, porque os afeccionados non só se moven para ver os eventos, senón que se trasladan para descubrir tamén os territorios que acollen as probas”, recalcou. Neste sentido, Pilar Enjuto destacou o papel que exerce Ourense no panorama automobilístico español porque “falar de automobilismo é falar de Ourense, a provincia que leva 50 anos a apostar polos rallys, con centos de participantes, cos seus equipos e as súas familias, e atraendo aos miles de afeccionados, co retorno económico que iso supón”.

Eventos

Por último, no apartado relativo a “Eventos”, moderado pola directora do World Football Summit, Marian Otamendi, os expertos centráronse nos “intanxibles” que teñen asociados os eventos deportivos. A presidenta da Federación Española de Remo, Asunción R. Loriente, explicou as estratexias da entidade que preside e dos eventos de remo en augas interiores e a preparación da Coupe de la Jeunesse 2021 con sede en Ourense. Loriente destacou a idoneidade de Ourense para acoller eventos desta disciplina deportiva.

Pola súa parte, o director xerente do Comité Paralímpico Español, Alberto Jofre, centrou a súa intervención na importancia do movemento paralímpico e explicou de que modo os eventos aportan un impacto económico e social na poboación. “Os xogos atraen talento á cidade organizadora”, sinalou Alberto Jofre, quen destacou “o legado” que deixan os eventos deportivos nos territorios onde se desenvolven.

Por último, o director xeral de Unipublic – La Vuelta, Javier Guillén, centrouse na organización, na difusión e nos retornos económicos deste evento. Guillén afirmou que non existe “mellor canal de comunicación que un evento deportivo de elite para a promoción turística e a razón está en que temos os mellores prescriptores, os deportistas”, e destacou a capacidade dos eventos deportivos de primeiro nivel para descubrir lugares incluso aos propios cidadáns do territorio. “O que demandan de nós as institucións públicas é a promoción turística, o retorno económico e a satisfacción nos cidadáns”, dixo o director xeral de Unipublic, quen sinalou que no caso de La Vuelta, “os nosos estudos din que de cada euro invertido recádanse catro”.

Finalmente, a xornada foi clausurada polo xerente do Inorde, José Manuel Rodríguez e a secretaria xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, Marta Míguez.