A Deputación de Ourense da un novo impulso ao ecosistema de turismo deportivo da provincia

A institución provincial, a través do Inorde, organiza unha xornada profesional de turismo deportivo co obxectivo de seguir potenciando Ourense como destino referente no mundo do deporte.

A xornada, na que se darán cita 120 persoas, analizará a importancia que supón a innovación do turismo deportivo, unha actividade que representa o 10 % do movemento turístico en España.

Este cumio –con expertos nacionais en innovación e tendencias, destinos, patrocinadores e eventos- foi unha das propostas que presentou Manuel Baltar no pasado pleno de debate sobre o estado da provincia, para afondar na estratexia de creación dun ecosistema de turismo deportivo, que impulsa a Deputación de Ourense.

Previo á xornada de mañá, o balneario de Laias acolleu hoxe unha gala que conmemorou o centenario da Federación Española de Remo, acto no que a Deputación de Ourense foi recoñecida polo labor que desempeña a prol do deporte do remo na nosa provincia.

A Deputación de Ourense da un novo impulso ao ecosistema de turismo deportivo da nosa provincia coa organización, a través do Instituto ourensán de desenvolvemento económico (Inorde), dunha xornada profesional de turismo deportivo, co obxectivo de seguir potenciando Ourense como destino referente no mundo do deporte aproveitando a súa situación xeoestratéxica e a súa orografía.

A xornada na que participarán 120 persoas, terá lugar mañá martes, 27 de novembro, no Balneario de Laias, desde as 9.00 ata as 14.30 horas. O evento formativo afonda na importancia do turismo deportivo, unha actividade que representa o 10% do movemento turístico en España.

Este cumio –que conta con expertos nacionais en materia de innovación e tendencias, destinos, patrocinadores e eventos- foi unha das propostas que presentou Manuel Baltar no pasado pleno de debate sobre o estado da provincia, para afondar na estratexia de creación dun ecosistema de turismo deportivo, que impulsa a Deputación de Ourense.

A sesión formativa articúlase en catro paneis: “Innovación e tendencias”, moderado polo redactor de Deportes e Negocio do Diario Expansión, Víctor Cruzado; “Destinos”, moderado polo director xeral da Asociación de Marketing de España, Víctor Conde; “Patrocinadores”, moderado polo gañador do Tour de Francia 2006, Óscar Pereiro; e, por último, o panel de “Eventos”, moderado pola directora do World Football Summit, Marian Otamendi.

Ao remate dos relatorios de cada panel, celebrarase un debate entre os profesionais de cada área para analizar as liñas de consenso, aglutinando a súa experiencia práctica e os seus coñecementos sobre cada unha das materias.

Centenario da Federación Española de Remo

Previo á xornada, hoxe celebrouse no balneario de Laias un acto para conmemorar o centenario da Federación Española de Remo, acto no que a Deputación de Ourense e o Grupo Caldaria entregaron un recoñecemento á federación polo traballo que realiza na provincia de Ourense nesta disciplina deportiva. Así mesmo, a presidenta da Federación Española de Remo, Asunción Loriente fixo entrega ao vicepresidente de Deputación de Ourense, Rosendo Fernández, dun galardón que recoñece o labor que o goberno provincial desempeña a prol do deporte do remo na provincia de Ourense, e tamén ao Grupo Caldaria e á Secretaría de Turismo, polo seu apoio a esta especialidade deportiva.