Máis de 300.000 euros en subvencións para iniciativas sociais, de autoemprego, deporte, cultura e cooperación cos concellos

A xunta de goberno da Deputación de Ourense, reunida hoxe por vía telemática baixo a presidencia de Manuel  Baltar, aprobou a concesión de máis de 300.000 euros en subvencións para iniciativas sociais, de autoemprego, deporte, cultura e cooperación cos concellos.

No ámbito da colaboración con entidades sociais concedéronse dúas subvencións: 100.000 euros a favor da Asociación de Pais de Discapacitados Psíquicos da comarca do Carballiño que irá destinada á construción dunha residencia; e 60.000 euros para a Fundación Gavela, que traballa pola mellora da calidade de vida de persoas adultas diagnosticadas dunha enfermidade mental. No tocante a outros capítulos, a Escudería Barbadás Club Deportivo recibirá 6.000 euros para o Rallymix 2021, e a Fundación Antón Losada Diéguez contará con 10.000 euros para gastos de funcionamento correspondentes ao presente ano.

En cooperación cos concellos, Oímbra disporá de dúas achegas: preto de 19.000 euros para o remate do camiño da ribeira e 14.000 para o cofinanciamento de obras do Plan Hurbe na rúa Pereiro de Videferre. Punxín tamén contará con dúas axudas: 4.000 euros para semáforos e case 3.000 para mobiliario urbano. Neste apartado aprobáronse ademais as seguintes subvencións: 25.000 euros para traballos medioambientais no Concello de Pereiro de Aguiar; preto de 30.000 euros para un proxecto de iluminación en Sandiás; e 48.000 euros para a mellora de vías municipais en Viana do Bolo.

A Xunta de Goberno tamén concedeu dúas subvencións dentro do programa “emprendOU” para proxectos empresariais e de autoemprego en municipios rurais en declive demográfico. As achegas, cun valor máximo cada unha delas de máis de 8.600 euros, terán como beneficiarios dous proxectos relacionados co comercio e servizos profesionais a desenvolver nos concellos da Rúa e Ribadavia.