O Concello de Nogueira de Ramuín, coa colaboración da Deputación de Ourense, vén de organizar para o próximo sábado, día 27, unha nova edición da súa andaina solidaria que, este ano, terá como obxectivo recadar fondos na procura dun tratamento con células nai para o futbolista Ángel Pérez, que sofre unha tetraplexía logo dun desafortunado accidente.
A iniciativa solidaria foi presentada esta mañá no Pazo Provincial coa presenza do vicepresidente da Deputación Rosendo Fernández; o concelleiro de Deportes de Nogueira de Ramuín, Raúl Soto, acompañado polo xefe de Protección Civil, Manuel Pereira; o asesor de Deportes da Deputación, Bernardino González; e o propio deportista ao que se lle dedica esta andaina. Un xesto que agradeceu e cualificou como “moi positivo pola conciencia que esperta na sociedade cara á nosa situación”.
A andaina partirá ás 10.00 horas da mañá da praza de Luíntra e constará de dous percorridos para adaptarse ás condicións físicas dos participantes. Así haberá unha ruta curta de nove quilómetros e unha máis longa co dobre de distancia, isto é 18 quilómetros.
Ángel Pérez, de 34 anos, estivo ligado ao mundo do fútbol desde a súa adolescencia. A súa traxectoria base está directamente relacionada co seu paso polo Barbadás, concello do que é orixinario, xogando ademais no filial do desaparecido Club Deportivo Ourense e xa nos últimos anos no Polígono de San Cibrao.