Culmina en Compostela a iniciativa da Deputación para dar a coñecer e vivir a Vía da Prata – Camiño Mozárabe

Hoxe culminou a proposta turística, impulsada desde a Deputación a través do Inorde, que se prolongou durante esta Semana Santa e que consistiu en percorrer a Vía da Prata – Camiño Mozárabe, desde Ourense a Santiago, facilitando así a obtención da “Compostela”.

O programa desta iniciativa da Deputación incluiu un servizo de autobús que partiu desde Ourense cada día para ir ao punto de inicio da etapa e retornaba ao remate de cada xornada, con tramos de uns 20 quilómetros. Durante o traxecto, os peregrinos contaron cun guía especializado, que lles axuda ou descubrir o patrimonio cultural e natural da provincia a través deste camiño.

Na xornada de hoxe, día da chegada a Santiago de Compostela dispuxeron de tempo libre para visitar a Catedral ou o casco histórico, así como a Oficina do Peregrino. Ademais, prestouselles asistencia para contar co “selo” diario da “Compostela” que acredita a peregrinación.

Esta iniciativa enmárcase na aposta da Deputación de Ourense por promocionar un camiño, o Mozárabe, que discorre por máis dunha vintena de municipios ourensáns, desde a súa entrada en Galicia por A Mezquita. É o camiño xacobeo galego de maior percorrido e trátase dun obxectivo estratéxico dinamizador da provincia, debido ao gran atractivo turístico da Vía da Prata.

A Deputación intensificará os esforzos para potenciar esta ferramenta clave para o desenvolvemento da provincia. De feito, para aproveitar o potencial diferencial que supón a chegada do AVE, a intención é facilitar que os viaxeiros que chegan á estación de A Gudiña poidan comezar neste municipio o seu camiño en bicicleta, ou ben desde a capital a pé. Isto permitiríalles en ambos casos acadar a súa correspondente acreditación.