O presidente da Deputación visitou hoxe co conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, a estación de montaña e comprobou o resultado da instalación dos 29 canóns de neve e o resto de actuacións, que permitirán mellorar a calidade das pistas e alongar a tempada de inverno para a práctica do esquí.
A estratexia de desestacionalización da estación de montaña e de potenciar os recursos autóctonos son obxectivos da Deputación de Ourense e da Xunta de Galicia nesta materia, “para seguir modernizando a infraestrutura máis importante de deportes de inverno e natureza do noroeste da Península Ibérica”, afirma Manuel Baltar.
O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, visitou hoxe, xunto co conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, a estación de montaña de Cabeza de Manzaneda para comprobar o funcionamento dos 29 canóns de produción de neve instalados, “cos que a estación de montaña da un salto cualitativo e innovador”, expresou Baltar. Os canóns e o resto de actuacións permitirán mellorar a calidade das pistas e alongar a tempada de inverno para a práctica do esquí. Na visita estiveron acompañados pola delegada da Xunta en Ourense, Marisol Díaz, o xerente de MEISA, Gustavo Samartín; os alcaldes de Trives e Manzaneda, Domingo Diéguez e Félix Domínguez, respectivamente, e o presidente da Federación Galega de Deportes de Inverno, Miguel Barreto, ademais dos encargados do proxecto de obra.
Esta estratexia de desestacionalización da estación de montaña e de potenciar os recursos autóctonos son obxectivos da Deputación de Ourense e da Xunta de Galicia nesta materia, “para seguir modernizando a infraestrutura máis importante de deportes de inverno e natureza do noroeste da Península Ibérica”, afirma o presidente do goberno provincial, quen remarcou que todas estas melloras son obras importantes para esta contorna, para Ourense e para Galicia, porque estamos a falar de turismo deportivo e do investimento máis importante que fixo a Deputación de Ourense no actual mandato, que, unido ao aporte económico da Xunta de Galicia, vai permitir dar un salto de calidade, que é o que pretendíamos cando regresamos ao accionariado de MEISA”.
Manuel Baltar lembrou o programa EsquiOU, que a Deputación de Ourense mantén coa estación de montaña, para que nenos da provincia de Ourense coñezan as alternativas dos deportes de inverno, “que é un éxito ano tras ano, e todas as melloras que fagamos neste ámbito están focalizadas á cooperación entre administracións, a seguir poñendo en valor esta infraestrutura única en Galicia”. “Esta estación de montaña e os concellos de Trives e Manzaneda viven hoxe un día especial, e cando todos os canón estean a plena capacidade será un sono cumprido, o de dotar a esta estación -obra dun visionario como José Luis Outeiriño- dos medios máis modernos para seguir sendo un importante foco de atracción turística para Ourense e para Galicia enteira”.
A novidade desta tempada
A instalación do novo sistema de neve artificial da estación de Montaña de Manzaneda é a gran novidade na estrea da tempada de esquí, que incrementa o atractivo e o potencial dun dos principais recursos do turismo invernal da comunidade galega. O proxecto impulsado entre Deputación de Ourense e Xunta de Galicia permitirá alongar os meses de apertura do recinto, atraendo máis público no inverno e consolidando unha infraestrutura máis atractiva e competitiva. “Trátase dun proxecto estratéxico para toda a comarca”, subliñou o conselleiro, “que vai permitir a produción de neve a través dun proceso natural que asegura un estado óptimo para os usuarios da estación”.
En total, instaláronse 29 canóns que permiten cubrir de neve as pistas principais da estación en 50 horas. Abarcan unha superficie de máis de 123.000 metros cadrados con tres capas de neve de, polo menos, 50 centímetros de espesor. A actuación busca aumentar o número de días nos que a estación estea aberta e operativa, ao tempo que mellora a calidade da neve, a oferta de servizos e a imaxe turística da zona, co seu correspondente impacto socioeconómico.
“Desde a Xunta de Galicia, en colaboración coa Deputación de Ourense, fixemos nos últimos anos grandes investimentos que amosan o noso compromiso con esta comarca e co desenvolvemento desta estación de montaña”, subliñou Román Rodríguez.
Xunto ao novo sistema de innivación introducíronse toda unha serie de melloras nas pistas, nos accesos e nas prestacións da estación. Así, habilitarase unha app para a venda de abonos a través dos teléfonos móbiles, acompañado de ferramentas para a reserva de equipos por internet ou a xestión de grupos, equipamentos e clases, entre outras iniciativas.
Román Rodríguez e Manuel Baltar puideron comprobar in situ o resultado de todos estes traballos, incluíndo as balsas de aproveitamento con capacidade para 25.000 e 13.000 metros cúbicos ou a sala para o control e o sistema de bombeo principal. Esta acción enmárcase nos obxectivos da Estratexia do Turismo de Galicia 2020, que incide na permanente desestacionalización desta actividade e na potenciación dos nosos recursos.
Como lembrou Román Rodríguez, “Ourense é unha provincia cunha serie de recursos que fan dela un destino singular e moi atractivo durante todo o ano”. Neste sentido, salientou que está a ser a provincia galega cun maior crecemento en materia turística este ano. De feito, a falta de contabilizar os dous últimos meses, o número de turistas medrou xa un 5,7% e supera os 325.000, cun 4% máis de estranxeiros. O mesmo sucede coa cifra de pernoitas, cunha alza do 1,7% ata rozar as 620.000. Ademais, en eidos tan relevantes para Ourense como o turismo rural, o volume de viaxeiros estase a incrementar ata un 18%.