A Deputación destina 1,3 millóns a iniciativas de Infraestruturas, Deporte, Cultura e Medio Ambiente

Tamén se aprobaron as bases reguladoras para a concesión de axudas materia de Deportes e Termalismo, cun orzamento de 220.000 euros.

A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense aprobou na reunión celebrada hoxe un total de 1.299.197 euros en axudas a entidades e concellos da provincia de Ourense, para desenvolver diversas actuacións en materia de Infraestruturas, Cultura, Medio Ambiente e Deporte. Así o informou a deputada de Transparencia e Goberno Aberto, Montserrat Lama, quen deu conta dos acordos da Xunta de Goberno correspondente ao venres 14 de decembro de 2018.

En concreto, en materia de cooperación cos concellos da provincia, a Xunta de Goberno aprobou unha axuda para o municipio de Boborás por importe de 125.000 euros destinada á dotación dun Centro Multiusos. Para o Concello da Bola aprobouse unha axuda de 15.000 euros para o transporte público municipal correspondente ao ano 2018, mentres que para o Concello de Castro Caldelas, a Xunta de Goberno aprobou dúas axudas, unha delas de 40.000 euros para a dinamización turística do Castelo, e a outra axuda, por importe de 15.000 euros, para a segunda edición do programa cultural “Castro Caldelas Medieval, no corazón da Ribeira Sacra”.

A Deputación de Ourense destinará tamén unha axuda de 20.000 euros para o municipio de Cortegada e outra de 39.886 euros para o Concello de Vilar de Santos, ámbalas dúas para proxectos de eficiencia enerxética no marco das iniciativas que desenvolve o Instituto para a Diversificación e Aforro de Enerxía (IDAE). Neste mesmo sentido, a Mancomunidade Intermunicipal Conso Frieiras recibirá unha axuda de 20.000 euros para o desenvolvemento dun proxecto de aforro enerxético, así como unha axuda de 23.478 para o Concello de Montederramo que será destinada á reforma da iluminación pública.

Para o Concello de Entrimo aprobouse unha axuda de 4.000 euros para as actividades deportivas na comarca do Xurés correspondentes ao ano 2018, e para o Concello de Maceda, aprobouse unha achega por importe de 28.000 euros destinada á humanización da rúa do Castelo. Continuando en materia de infraestruturas, a Xunta de Goberno aprobou unha axuda de 95.539 euros para o municipio de Oímbra destinada á mellora da praza da Fonte e da rúa do Campo das fases I e II.

Na reunión tamén se aprobou unha axuda para o Concello da Teixeira para a realización dun proxecto de abastecemento que ascende aos 100.000 euros, mentres que para o Concello de San Cristovo de Cea, a Xunta de Goberno aprobou dúas axudas: unha delas por importe de 18.000 euros para a ampliación do local social en Mandrás, e a outra de 100.000 euros para a electrificación do parque empresarial. Para o municipio de Pontedeva aprobouse unha axuda de 37.198 euros para obras cofinanciadas pola Xunta de Galicia para parques empresariais e mellora de camiños municipais.

Así mesmo, en materia de cooperación cos concellos da provincia de Ourense, a Xunta de Goberno aprobou a ratificación de convenios de colaboración con diversos municipios ourensáns para a execución de obras municipais de tal modo que, para o Concello da Pobra de Trives destinarase unha axuda de 238.636 euros para a mellora de abastecemento; para o de Baltar unha achega de 100.000 euros para unha vía municipal que dea acceso ás zonas de práctica de parapente; o municipio da Peroxa recibirá 48.000 euros para a mellora da praza do concello e o recinto ferial, e o Concello de Verea recibirá un total de 48.622 euros para os accesos a Vilar e Camiño Xeixido. Na reunión aprobouse tamén a expropiación forzosa para a execución da obra de acondicionamento e mellora na OU-0521 Cabeanca-Trasalba, no municipio de Ourense.

Cooperación con entidades

No relativo á colaboración con entidades, na reunión aprobouse unha axuda para a Comunidad de Montes en Man Común San Payo dos Pitos Travesa, que ascende aos 11.795 euros, para a mellora e acondicionamento do local social da asociación veciñal. Para a Diocese de Ourense aprobáronse dúas axudas para levar a cabo a rehabilitación da cuberta da igrexa de Santa Marta de Moreiras en Pereiro de Aguiar, por importe de 19.043 euros, e para a reparación do reloxo da Torre de Ganade, para o que se destinou unha achega de 6.000 euros. E, para a diocese de Astorga, aprobouse unha axuda de 18.000 euros para a colocación de vidreiras na igrexa de Sobradelo.

No ámbito cultural, a Xunta de Goberno tamén aprobou unha axuda de 15.000 euros para a Fundación Festa da Istoria para a celebración deste evento no 2018 e, para La Región SA, aprobou unha axuda de 105.000 euros destinada á promoción cultural e desenvolvemento do coñecemento provincial nos Foros La Región. Por último, en materia deportiva, aprobou unha axuda para o Pabellón Ourense Club de Fútbol, por importe de 8.000 euros, para a adquisición de material deportivo.

Deporte e Termalismo

A Xunta de Goberno aprobou tamén as bases reguladoras de tres convocatorias en materia de Deportes e Termalismo para as cales destina un total de … euros. En concreto, aprobou as bases para a concesión de axudas a entidades deportivas e entidades sen ánimo de lucro para a organización de eventos deportivos 2019 coa finalidade de contribuír ao mantemento dunha actividade deportiva ampla, orientada ao público en xeral e baseada principalmente nos conceptos de deporte – saúde e deporte para todos.

Poderanse beneficiar destas axudas as entidades deportivas e outras entidades sen ánimo de lucro con enderezo social na provincia de Ourense que teñan como obxecto social, entre outros, a promoción e difusión do deporte na nosa provincia. O orzamento destinado a este programa ascende aos 70.000 euros, sendo a contía máxima da axuda por beneficiario de 10.000 euros. Os interesados poderán presentar a súa solicitude a partir da publicación da convocatoria na Base de datos Nacional de Subvencións.

A outra convocatoria aprobada hoxe, tamén relativa ao ámbito deportivo, foi para a concesión de axudas a concellos ourensáns de menos de 20.000 habitantes e mancomunidades de municipios da provincia de Ourense, para financiar actividades e programas deportivos para o ano 2019. A dispoñibilidade orzamentaria para este programa é de 60.000 euros, sendo a contía das axudas dun máximo do 50% do custe total para os concellos de máis de 3.000 habitantes e mancomunidades; e do 70% para os concellos de menos de 3.000 habitantes, e ningunha entidade poderá obter unha axuda superior aos 3.000 euros.

Por último, aprobáronse as bases reguladoras da convocatoria para a concesión de axudas para o fomento do ocio saudable nas instalacións balnearias da provincia de Ourense correspondente ao ano 2019. As axudas que concede a Deputación son para o Programa de Termalismo saudable que ten dúas modalidades: estancias balnearias con ou sen servizo de transporte en tren e tratamentos terapéuticos sen estancia; e o Programa de Cultura Termal a través do que a realización das estancias ou recepción dos tratamentos subvencionados terán lugar entre o día seguinte ao da publicación destas bases ata o 15 de decembro de 2019. O Programa de Termalismo Saudable iniciaranse o luns, día de chegada e ata o sábado, día de saída; mentres que o os períodos do Programa de Cultura Termal iniciaranse o sábado (chegada) e ata o domingo (saída).

Os establecemento balnearios nos que se poden realizar as estancias e tratamentos son: Balneario-Hotel Baños de Molgas, Gran Balneario do Carballiño, Balneario Arnoia Caldaria, Balneario Laias Caldaria, Balneario Lobios Caldaria, Balneario de Cortegada e o Balneario de Caldas de Partovia.

No programa de termalismo saudable poderán ser beneficiarias aquelas persoas que teñan cumpridos ou cumpran no 2019 os 50 anos de idades e no programa de cultura termal, o solicitante terá que ter cumpridos, cando menos, os 18 anos de idade. Así mesmo, teñen que cumprir en ambos casos non padecer enfermidades nin contraindicacións médicas que impida a normal convivencia nos establecementos e sexa unha persoa válida para as actividades da vida diaria. A participación dos acompañantes terá que ser pedida de forma conxunta coa do solicitante. A dispoñibilidade orzamentaria destinada a este programa ascende aos 90.000 euros.