A quinta “Carreira Popular de Monterrei”, antesala da “San Martiño”

A Deputación de Ourense colabora con este evento deportivo que se disputará o vindeiro domingo, 4 de novembro.

A quinta edición da “Carreira Popular de Monterrei”, proba oficial da Federación Galega de Atletismo con distancia homologada, disputarase o vindeiro domingo, 4 de novembro, sendo “a antesala perfecta da “San Martiño”, dixo o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández, na presentación deste evento deportivo que tivo lugar hoxe no Pazo Provincial, e na que tamén participou o alcalde de Monterrei, José Luís Suárez; o director deportivo da Asociación deportiva Limiactiva, Óscar Gómez; e o responsable da área de Deportes do Concello de Monterrei, Marcos Meno.

O vicepresidente do goberno provincial destacou que se trata dun evento, que baixo o lema “Monterrei é 10” aglutina “deporte e turismo” e que vén a completar a oferta “lúdico-deportiva que ofrece o municipio de Monterrei aos veciños e visitantes, unha programación que continua trala época estival para contribuír a dinamizar o noso rural e a poñer en valor a ampla riqueza patrimonial do municipio”.

Óscar Gómez explicou que durante a xornada “desenvolveranse cinco carreiras, sendo a carreira absoluta homologada por terceiro ano consecutivo”. A saída das probas, que terá lugar na rúa Progreso da localidade de Albarellos, será ás 10.30 horas para a carreira infantil-cadete que disputarán un percorrido de dous quilómetros; ás 10.50 horas será a quenda para a carreira das categorías de benxamín-alevín, cun percorrido de un quilómetro; ás 11.15 horas será a carreira absoluta, cunha distancia de 10 quilómetros, homologados pola Federación; ás 12.35 horas sairán os da categoría prebenxamín cun percorrido de 400 metros;e  ás 12.45 horas celebrarase a carreira de pitufos de 200 metros de distancia. A clasificación será absoluta e por categorías.

Os interesados en participar teñen de prazo ata o día 1 de novembro para inscribirse a través da páxina web sportmaniacs.com, sendo a cota da inscrición de 5 euros para a carreira absoluta e as carreiras escolares serán de balde. Neste sentido, o alcalde de Monterrei adiantou que esperan “superar os 200 participantes do ano pasado”.

Ademais, José Luís Suárez explicou que esta proba pon o “broche a un completo programa de actividades lúdico-deportivas que organizamos desde o Concello ao longo do ano, cunha proba que xa está consolidada e á que intentamos incorporar novidades tódolos anos para facela máis atractiva”. O alcalde de Monterrei destacou a importancia de desenvolver actividades desta índole para “dinamizar o noso municipio sendo a carreira un motivo máis para que a xente coñeza o noso patrimonio a través do deporte”.