Aberto o prazo de solicitude de axudas para deportistas ourensáns cualificados

A Deputación de Ourense convoca, un ano máis, as axudas a deportistas ourensáns cualificados en modalidades deportivas individuais durante a tempada 2017-2018, para as cales se atopa aberto o prazo de presentación de solicitudes ata o vindeiro día 30 de novembro, tal e como reflexa o Boletín Oficial da Provincia de Ourense, nº 244 do pasado martes, 23 de outubro.

A Deputación de Ourense pretende, a través destas axudas, fomentar a práctica deportiva e incentivar aos deportistas ourensáns cualificados mediante o recoñecemento da súa traxectoria e rendemento deportivo, destinando para tal fin un orzamento total que ascende aos 30.000 euros, sendo a contía máxima por solicitante de 3.000 euros, cifra que pode varía en función dos méritos e da categoría dos deportistas que soliciten estas axudas antes do día 30 de novembro.

Poderán beneficiarse destas axudas deportistas federados, de categorías de base ata absoluta, e de modalidades deportivas individuais, de nacionalidade española ou residentes legais en España que cumpran unha serie de requisitos: que teñan ficha federativa por algún club deportivo da provincia de Ourense durante a tempada 2017-2018 e en caso de que non posúan a licenza federativa, se manteñan vinculados ao deporte ourensán durante esa tempada sempre que exista unha causa xustificativa de que non dispoñan de licenza federativa nun club ourensán.