A provincia de Ourense, protagonista da “Vuelta a España” 2016, que se presenta o xoves no Teatro Principal

No acto analizaranse as características técnicas do percorrido e a repercusión social e económica que supón este evento para a provincia ourensá, contando ademais coa presenza de destacados exciclistas, como Pedro Delgado, Óscar Pereiro e Fernando Escartín, e persoeiros do mundo do deporte.

O Teatro Principal da Deputación de Ourense acolle o vindeiro xoves, 31 de marzo, ás 20.00 horas, a presentación da 71ª edición da “Vuelta a España”, unha proba ciclista que este ano ten como protagonista á provincia de Ourense, na cal se disputarán catro etapas. No acto analizarase as características técnicas do percorrido e a repercusión social e económica que supón este evento para a provincia ourensá, contando ademais coa presenza de destacados ciclistas, como Pedro Delgado, Óscar Pereiro e Fernando Escartín, e persoeiros do mundo do deporte.

Segundo explica o presidente do goberno provincial, Manuel Baltar, “a propia denominación que este ano ten a proba ciclista: “Ourense Termal-Madrid” alude ao noso papel como berce da mesma, tendo como puntos de saída ou chegada os concellos de Cenlle, Arnoia, Nogueira de Ramuín, Castrelo de Miño, Maceda e a capital ourensá”. Baltar afirma que logro deportivo e organizativo para a nosa provincia “é o resultado dun traballo intenso dos últimos anos, encaixando na filosofía “Ourense Deporte” do Plan 15-19 de xestión e estratexia operativa da Deputación de Ourense”.

A “Vuelta a España” é un evento que xunto co Tour de Francia e o Giro de Italia configuran as carreiras ciclistas máis importantes do mundo, “sendo seguida por máis de 150 países e do que a organización estima que terá un retorno económico mínimo de 1,7 millóns de euros para a provincia de Ourense”, destaca Manuel Baltar.

A presentación de equipos será en Arnoia, sendo a primeira etapa unha crono entre Laias (Cenlle) e o Parque Náutico de Castrelo de Miño -ámbalas dúas, vilas termais-. A segunda etapa terá a súa saída na cidade de Ourense (capital termal de Galicia), a sexta etapa terá como meta a localidade de Luintra (en plena Ribeira Sacra), e a sétima etapa sairá de Maceda (vila ciclista por excelencia). “Catro etapas de máximo protagonismo ourensán, nas que a nosa provincia ofrecerá un gran escaparate ao mundo o vindeiro mes de agosto, co importante impacto mediático e promocional que elo supón nos máis de mil millóns de espectadores que se estima seguen a través dos medios de comunicación unha das probas ciclistas máis importantes do mundo, para o cal a Deputación de Ourense e “Vuelta a España” son cooperadores necesarios”, afirma Manuel Baltar.

O acto do vindeiro xoves no Teatro Principal contará coa participación, ademais do presidente da Deputación de Ourense, do director xeral de “Vuelta a España”, Javier Guillén, e dos exciclistas Pedro Delgado e Óscar Pereiro (condutores da gala) e Fernando Escartín. No decurso do acto entregaranse premios de recoñecemento a destacados ciclistas ourensáns.