A “Vuelta a España” será máis ourensá que nunca, coa disputa de catro etapas na provincia

O Teatro Principal de Ourense acolleu a presentación da 71ª edición da “Vuelta a España”, coa presenza dos exciclistas Pedro Delgado, Óscar Pereiro e Fernando Escartín.

No acto analizáronse as características técnicas do percorrido e a repercusión social e económica que supón este evento para a provincia de Ourense.

Manuel Baltar dixo no acto que esta é a provincia na que cremos, “unha Ourense de futuro, positiva e ambiciosa”, destacando no ámbito deportivo “a presenza na máxima competición do baloncesto, o termalismo de alto nivel deportivo e a estación de montaña de Galicia”.

O Teatro Principal da Deputación de Ourense acolleu a presentación da 71ª edición da “Vuelta a España”, unha proba ciclista que este ano ten como protagonista á provincia de Ourense, na cal se disputarán catro etapas. No acto, que contou coa participación dos exciclistas Pedro Delgado, Óscar Pereiro e Fernando Escartín, analizáronse as características técnicas do percorrido e a repercusión social e económica que supón este evento para a provincia ourensá. O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, dixo na súa intervención de apertura do acto que esta éa provincia na que cremos, “unha Ourense de futuro, positiva e ambiciosa”, que destaca no ámbito deportivo en logros como “a súa presenza na máxima competición do baloncesto, o termalismo de alto nivel deportivo e a estación de montaña de Galicia, en Cabeza de Manzaneda”.

No acto, no que tamén participou o director xeral da “Vuelta a España”, Javier Guillén, foron homenaxeados os ciclistas ourensáns César Pérez e Raúl Rey, que participaron na Vuelta a España, e tamén foron recoñecidos Xulio Conde e o ciclista preolímpico ourensán, Pablo Rodríguez.

Manuel Baltar destacou que o deporte “é unha das liñas básicas do plan de mandato Ourense 15-19, nas súas vertentes de deporte de elite e escolas deportivas”, e engadiu que a propia denominación que este ano ten a proba ciclista: “Ourense Termal-Madrid” “alude ao noso papel como berce da mesma, tendo como puntos de saída ou chegada os concellos de Cenlle, Arnoia, Nogueira de Ramuín, Castrelo deMiño, Maceda e a capital ourensá”. Baltar afirma que logro deportivo e organizativo para a nosa provincia “é o resultado dun traballo intenso dos últimos anos, encaixando na filosofía “Ourense Deporte” doPlan 15-19 de xestión e estratexia operativa da Deputación de Ourense”.

A “Vuelta a España” é un evento que xunto co Tour de Francia e o Giro de Italia configuran as carreiras ciclistas máis importantes do mundo, sendo seguida por máis de 150 países e do que a organización estima que terá un retorno económico mínimo de 1,7 millóns de euros para a provincia de Ourense.

A presentación de equipos terá luar en Arnoia, sendo a primeira etapa unha crono entre Laias (Cenlle) e o Parque Náutico de Castrelo de Miño. A segunda etapa terá a súa saída na cidade de Ourense, a sexta etapa terá como meta a localidade de Luintra, e a sétima etapa sairá de Maceda. Catro etapas de máximo protagonismo ourensán, nas que a nosa provincia ofrecerá un gran escaparate ao mundo o vindeiro mes de agosto, co importante impacto mediático e promocional que elo supón nos máis de mil millóns de espectadores que se estima seguen a través dos medios de comunicación unha das probas ciclistas máis importantes do mundo, “para o cal a Deputación de Ourense e “Vuelta a España” son cooperadores necesarios”, dixo Manuel Baltar.