O presidente provincial, Luis Menor; o alcalde de Ribadavia, César Fernández; o director da proba, Ezequiel Mosquera, e o ciclista profesional, Álvaro Pino, presentaron hoxe os detalles desta competición.
Luis Menor asegurou que ter presenza na maior proba ciclista de Galicia, “permítenos amosar as numerosas potencialidades da provincia ante un público internacional e posicionar a Ourense no mapa do turismo deportivo, xa que reúne todas as características necesarias para que así sexa”.
O Gran Camiño é unha proba ciclista de carácter profesional que recupera a esencia da antiga Volta Ciclista a Galicia con obxectivos adaptados ás posibilidades que ofrece este deporte no eido da promoción turística do territorio.
A provincia de Ourense será no mes de febreiro, co apoio da Deputación de Ourense, a protagonista da terceira etapa da proba ciclista O Gran Camiño nun trazado que unirá Xinzo de Limia con Ribadavia. Así o anunciaron hoxe no Castelo de Ribadavia, o presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor; o alcalde de Ribadavia, César Fernández; o director da proba, Ezequiel Mosquera, e o exciclista profesional, Álvaro Pino, que explicaron os detalles desta competición.
O presidente provincial asegurou que ter presenza na maior proba ciclista de Galicia, “permítenos amosar as numerosas potencialidades da provincia ante un público internacional e posicionar a Ourense no mapa do turismo deportivo”.
O 24 de febreiro disputarase a terceira etapa deste evento deportivo que levará a algúns dos mellores ciclistas do ámbito profesional internacional a rodar por estradas ourensáns, nun percorrido cargado de natureza e desafío cun final esixente. A etapa comezará en Xinzo de Limia, localidade natal dunha gran promesa do ciclismo galego como Carlos Canal e rematará “nesta fermosa vila de Ribadavia que aglutina nun mesmo territorio as catro fortalezas que identifican a nosa provincia: patrimonio, natureza, enogastronomía e termalismo”, sinalou Luis Menor.
O goberno provincial continuará -tal e como comprometeu Luis Menor- a apoiar este tipo de iniciativas que poñen o foco no territorio afirmando que o ciclismo é “unha ferramenta única e idónea para promocionar un territorio xenuíno como é Ourense que leva anos a demostrar que ten capacidade para acoller probas deportivas de primeiro nivel”.
Pola súa parte, César Fernández agradeceu que “Ribadavia ocupe un lugar central no desenvolvemento desta proba pola provincia de Ourense” e asegurou que será unha “xornada intensa de ciclismo” que congregará a numerosos afeccionados nas rúas da vila.
Ezequiel Mosquera asegurou que O Gran Camiño ao seu paso por Ourense, novamente en sábado, será” unha etapa divertida e importante” da competición que transcorre por preto dunha vintena de concellos. Agradeceu á Deputación a renovación do seu compromiso e aposta por este evento. Álvaro Pino adiantou que “haberá unha alta participación” e que calquera “etapa pode ser decisiva” asegurando que será un día para “gozar do ciclismo extraordinario”.
O Gran Camiño, esencia da antiga Volta Ciclista a Galicia
A provincia de Ourense xa tivo especial protagonismo nas dúas anteriores edicións de O Gran Camiño. No 2022, a etapa ourensá transitou desde Maceda, vila vencellada ao ciclismo, ata Luintra, en plena Ribeira Sacra. E, na segunda edición, a proba tivo un marcado carácter solidario ao seu paso pola provincia de Ourense cun percorrido que unía Esgos con Rubiá, homenaxeando a Valdeorras que viña de sufrir as devastadoras consecuencias dos incendios forestais
O Gran Camiño é unha proba ciclista de carácter profesional que recupera a esencia da antiga Volta Ciclista a Galicia con obxectivos adaptados ás posibilidades que ofrece este deporte no eido da promoción turística do territorio. Na edición de 2024 a proba disputarase do 22 ao 25 de febreiro en catro etapas polas provincias galegas e ten como obxectivo ir máis alá dunha proba deportiva, situando a paisaxe, o patrimonio e a cultura de Galicia en todo o mundo mediante o ciclismo, o deporte máis pegado ao territorio. Mostra dilo é que na edición de 2023, Galicia chegou a 170 países de todo o mundo a través de O Gran Camiño.