A Deputación mobiliza máis de 850.000 euros en axudas a concellos, mancomunidades, entidades deportivas e culturais da provincia

A xunta de goberno provincial vén de aprobar un total de 41 achegas para melloras en infraestruturas e diversas actividades que se desenvolven por toda a provincia de Ourense.

A sesión ordinaria da xunta de goberno da Deputación vén de aprobar un total de 41 asuntos que supoñen a mobilización de 850.851,29 euros en axudas destinadas a concellos, mancomunidades, entidades deportivas e culturais de toda a provincia.

No que atinxe ás axudas para os concellos, concédeselle ao de Baltar unha achega de 42.000 euros para a renovación de sistemas informáticos e climatización da casa da cultura, velorio e local social. A Pobra de Trives percibirá 28.596,38 euros para un proxecto de aforro e eficiencia enerxética na iluminación pública. Ao Concello de Oímbra concédeselle unha axuda de 70.207,28 euros para o cofinanciamento de camiños afectados por incendios. A Arnoia percibe 17.000 euros para o Proxecto Arnoia Challenge 2023, Campionato de España Sprint Copa España Paddel Surf, así como 10.000 euros para gastos de mantemento do Campo Atlético Arnoia. O Concello de Bande recibe tres axudas: 15.000 euros para redacción de proxectos varios; 17.700 euros para a redacción do proxecto construtivo de acceso ao novo equipamento termal; e 15.000 euros para reparación de iluminación. No que atinxe ao Concello de Cortegada, a achega será de 35.138,30 euros para o seu programa cultural deportivo. Con respecto ao Concello de Lobios, percibe dúas axudas: 48.000 euros para a execución da obra de pavimentación dos camiños en Fondevila; e 6.400 euros para o II Seminario Internacional de Educación Social e II Convivencia interuniversitaria e profesional Serra do Xurés.

O Concello o de Vilar de Barrio percibe 6.000 euros para a Festa da Pataca. O Concello de Barbadás recibe dúas achegas: 22.000 euros para a rexeneración do firme na rúa Estrada de Piñor (Finca Fierro); así como 13.588,30 euros para acondicionamento do parque infantil do parque dos Patos. Ao Concello de Cartelle concédeselle unha axuda de 47.967,52 euros para regas asfálticas en Pumares, Cartelle e a Travesía Outomuro – A Seara. No que respecta ao de Cualedro, a axuda é de 14.389,78 euros para redes de iluminación pública na Xironda e San Millao. Para melloras de viarios municipais do Concello de Maceda a achega é de 48.000 euros. Nogueira de Ramuín recibe 17.000 euros para a mellora da fosa séptica de Vilouxe.

Para a pavimentación de accesos ao núcleo de Cardeita, no Concello de Sandiás, aprobouse unha axuda de 50.000 euros, mentres que ao Concello de Porqueira concédenselle dúas achegas: 17.787,55 euros para cofinanciamento de impactos paisaxísticos; e 6.206,19 euros para cofinanciamento do Plan Marco 2023-2024.

Mancomunidades e entidades supramunicipais 

 No que respecta ás entidades supramunicipais, a Mancomunidade de Concellos Santa Águeda percibirá 48.000 euros para gastos de funcionamento. A Mancomunidade Intermunicipal Voluntaria do Ribeiro recibirá 48.399,99 euros para pavimentación da zona de transferencias e punto limpo. Tamén se lle conceden 16.030 euros ao Concello de San Cibrao das Viñas para o mapa de riscos para os polígonos de San Cibrao, Barreiros e Pereiro de Aguiar.

Actividades deportivas 

 En materia deportiva, a xunta de goberno da Deputación aprobou a resolución da convocatoria do concurso público para a concesión de subvencións a concellos e mancomunidades de municipios para a organización de actividades físico deportivas. En total, destínanse 49.581 euros para 64 beneficiarios. Outro dos puntos acordados hoxe foi  a concesión dunha axuda de 5.000 euros a favor do Club Hockey Albor para gastos de funcionamento; así como de 1.300 euros para Ourensticks Hockey Club para gastos de funcionamento. Pola súa banda, a Escudería Barbadás Clube Deportivo percibirá 6.000 euros para a organización do Rallymix de Barbadás. Special Olympics Galicia recibe 5.000 euros para a promoción do deporte de persoas con discapacidade, mentres que Triente S.L. recibe unha achega de 15.000 euros para a organización de campionatos náuticos de España e Portugal. Por último, “Growing in values S.L” percibe 9.559 euros para o desenvolvemento do programa “Nena e Deporte”.

Actividades culturais e sociais 

 Respecto a outras axudas en materia cultural e social, a Deputación vén de conceder 7.500 euros para “Xoldra de Aguiar”. Tamén se lle conceden 15.000 euros para o Programa Espíritu Ribeiro, así como 7.500 euros para “Rock entre pedra e poesía”. Á coordinadora da Festa da Istoria de Ribadavia concédenselle 10.000 euros para a organización de actividades culturais e recreativas. Os videoclips realizados e presentados nos exercicios 2021-2022 recibirán unha achega de 25.000 euros a favor de José Antonio Álvarez. A Sociedad Científica Española de Estudios sobre el Alcohol, el Alcoholismo y otras Toxicomanías, Socidrogalcohol, percibe 5.000 euros para a organización do seu Congreso Nacional. Para a feira internacional de antigüidades en Expourense,  a Asociación Cultural Memoria Antiga recibe 2.000 euros. Á Confederación de Empresarios de Ourense concédeselle unha axuda de 8.000 euros para a Gala de Empresas Ourensáns.  Por último, a Asociación Provincial de Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil percibirá 15.000 euros para a súa xuntanza anual, do mesmo xeito que a delegación en Ourense de Cruz Roja Española recibirá unha achega de 4.000 euros para o Encontro Galego de Voluntariado.