Manuel Baltar reuniuse por videoconferencia con representantes de trece federacións deportivas, sendo o primeiro encontro destas características que celebra unha deputación galega.
As “Copas Deputación” -competicións nas que a Deputación de Ourense foi pioneira- están a piques de cumprir o seu 40º aniversario. “Son parte fundamental da estratexia deportiva do goberno provincial”, afirma Baltar, destacando que o obxectivo é “seguir apoiando ao noso deporte para que poida retomar a actividade canto antes e coa máxima seguridade”.
O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, celebrou hoxe unha reunión por videoconferencia con representantes de diferentes federacións deportivas de Galicia -primeira reunión destas características que celebra unha deputación galega-, co obxectivo de seguir apoiando o deporte na nosa provincia, para que poida retomar a actividade e as competicións canto antes, coas máximas garantías de seguridade e os mínimos efectos negativos como consecuencia do parón provocado polo COVID-19″, afirmou Baltar.
Neste sentido, o presidente do goberno provincial citou ás “Copas Deputación”, “competicións nas que a Deputación de Ourense foi pioneira e que están a piques de cumprir o seu 40º aniversario. Forman parte fundamental da estratexia deportiva do goberno provincial, e seguiremos apoiándoas, reprogramando o que sexa necesario e planificando calendarios e reunións de coordinación e cooperación como a de hoxe, para lograr entre todos que o noso deporte provincial recupere o pulso e o seu normal desenvolvemento, polo ben dos deportistas, clubs, federacións e afeccionados”, expresou Manuel Baltar.
Na reunión de hoxe, participaron telemáticamente co presidente Baltar, o asesor de Deportes da Deputación de Ourense, Bernardino González, e os seguintes representantes de federacións galegas deportivas: Eladio Gómez (Atletismo), María Varela, (Baloncesto), Bruno López (Balonmán), Juan Carlos Muñiz (Ciclismo), Rafael Louzán (Fútbol), Juan Carlos Eiriz (Taekwondo), José Manuel Estévez (Ximnasia), Manuel Montero (Judo), Santiago Escudero (Natación), Ramón Baña (Voleibol) e Óscar Martínez (Xadrez).
O Consello asesor de Deportes integra, xunto aos consellos de Turismo, Cultura e Agroalimentario (que se reúne o próximo 27 de maio), a estratexia da Deputación de Ourense de cooperación cos principais sectores da actividade económica da provincia de Ourense para axudar durante a desescalada á reactivación económica e social ourensá. No caso do Consello asesor de Deportes, que continuará coas súas reunións periódicas, seguiranse analizando calendarios, formatos e cuestións organizativas dos eventos deportivos de fronte ao final do estado de alarma e para cando sexa posible renovar as competicións.
En canto ao Consello asesor de Cultura, celebrou a súa primeira reunión o pasado 14 de maio, presidido por Manuel Baltar. O obxectivo: poñer en marcha, coa cooperación dos diferentes representantes culturais da provincia, un Plan de reactivación do sector cultural en Ourense para a etapa “poscoronavirus”. A reunión contou coa participación do presidente Baltar e de representantes de 25 entidades, actores, xestores culturais, cantantes, directores de teatro, técnicos e produtores artísticos. Todos eles, por vía telemática, avaliaron neste foro a actual situación no ámbito da cultura ourensá e puxeron sobre a mesa proxectos e iniciativas para relanzar este importante sector de actividade económica na provincia de Ourense.
Pola súa banda, no Consello asesor de Turismo, que se reuniu o 12 de maio, Manuel Baltar presentou a plataforma “Ourense, destino seguro”, unha iniciativa que distinguirá, por medio do distintivo turístico “Ourense, destino seguro” a garantía de salubridade dos establecementos hostaleiros e de restauración da provincia de Ourense que se acollan a esta iniciativa. Neste sentido, os requisitos legais e normativos serán avaliados mediante os protocolos internos que recollen a evidencia legal e científica sobre o COVID-19 e desta maneira, os establecementos dispoñerán, se cumpren a normativa en materia de seguridade sanitaria, do recoñecemento que os distinguirá co label “LocalSafe Verificado COVID-19”.
Finalmente, o presidente da Deputación de Ourense convocou para o próximo 27 de maio a primeira reunión sectorial do ámbito agroalimentario da provincia de Ourense nesta etapa de desescalada da crise do COVID-19, para analizar a situación actual e as iniciativas que se poden implementar para reforzar a competitividade deste importante sector económico, tras a fase crítica da pandemia do coronavirus.