A iniciativa do presidente Manuel Baltar ten como obxectivo financiar campamentos de verán na estación de Manzaneda para que menores, cuxas familias sofren os efectos económicos da pandemia, poidan gozar de vacacións en xullo e agosto.
“Desde o inicio da crise marcámonos como única prioridade as persoas -afirma Baltar-, e dentro dos aspectos sanitarios, sociais e económicos, a infancia ocupa un lugar transversal”.
O programa “Montaña de solidariedade”, que a Deputación de Ourense realizará en colaboración con MEISA, permitirá que 100 nenos realicen estancias dunha semana gozando das actividades deportivas, de lecer e natureza que ofrece a estación de Manzaneda.
A Deputación de Ourense, en colaboración con MEISA, poñerá en marcha o programa “Montaña de solidariedade”, unha iniciativa aprobada hoxe pola xunta de goberno da institución provincial que ten como obxectivo ofrecer a fillos de familias ourensás afectadas pola crise do COVID-19 a posibilidade de gozar @gratuitamente dun campamento de verán entre os meses de xullo e agosto na estación de montaña de Manzaneda. A proposta do presidente Manuel Baltar, financiada pola Deputación de Ourense, permitirá que 100 nenos realicen estancias dunha semana, en grupos de 50 cada un, gozando das actividades deportivas, de lecer e natureza que ofrece a estación de montaña, situada nun dos enclaves máis altos de Galicia.
“Desde o inicio da crise marcámonos como única prioridade as persoas -afirma Manuel Baltar-, e dentro dos aspectos sanitarios, sociais e económicos, a infancia ocupa un lugar transversal, e esa é, precisamente, a finalidade deste programa: que os menores, cuxas familias sofren os efectos económicos da pandemia, poidan gozar de vacacións en xullo e agosto a pesar do duro revés económico que puidesen padecer nos seus fogares”.
A Deputación de Ourense, que se caracterizou nestes meses por ser a máis social de toda a súa historia, suma ás iniciativas desenvolvidas ata o de agora -en favor do persoal esencial na crise do COVID-19 e ás súas axudas a autónomos, emprendedores, Pemes, comerciantes, maiores e persoas en situación de vulnerabilidade- unha nova medida pioneira dirixida á infancia.
Os campamentos de verán de “Montaña de solidariedade” realizaranse do 18 ao 25 de xullo e do 25 de xullo ao 1 de agosto. Están dirixidos a nenos pertencentes a familias beneficiarias das axudas do programa ComerciOU da Deputación de Ourense para persoas vulnerables pola crise do COVID-19. A inscrición no programa “Montaña de solidariedade” realizarase por orde de rexistro de solicitudes, para o que se habilitará un espazo na web: www.depourense.es ou ben poderá facerse de maneira presencial no Rexistro xeral da Deputación de Ourense, unha vez fáganse públicas as bases, ata cubrir o total das 100 prazas ofertadas.
Actividades deportivas, de lecer e natureza
Ao longo desas dúas semanas, os participantes contarán coa supervisión permanente de monitores titulados na estación de montaña de Manzaneda, onde realizarán actividades deportivas, de lecer e natureza, contando entre as súas instalacións cun pavillón polideportivo de máis de 1.000 metros cadrados, piscina, rocódromo, pistas de tenis, campo de fútbol, circuíto de karts, roteiros de sendeirismo e parque multiaventura. Nas máis de 2.000 hectáreas coas que conta o espazo natural da estación de Manzaneda, os nenos poderán realizar, entre outras actividades paseos dacabalo, tiro con arco, tirolesa, xogos de grupo e experiencias de turismo activo.
O programa, cuxo custo será asumido pola Deputación de Ourense, inclúe aloxamento no albergue da estación de Manzaneda, pensión completa, incluída merenda, e paquete de actividades diarias durante os sete días que dure o campamento para cada un dos grupos de 50 nenos, contando con todas as medidas de seguridade. Neste sentido, Oca Manzaneda dispón de protocolos con medidas para a redución de riscos hixiénico-sanitarios fronte ao COVID-19 na prestación dos servizos de aloxamento, restauración e actividades.
Na xunta de goberno de hoxe, ademais desta iniciativa solidaria, tamén se aprobou a resolución do concurso público de subvencións para proxectos empresariais e de autoemprego en concellos rurais de menor poboación, no marco do proxecto EmprendOU, así como diferentes subvencións para os concellos de Rairiz de Veiga, Sandiás, Sarreaus e Xinzo de Limia, para a realización de obras de infraestruturas e saneamento.