A proba, que se celebra este domingo, reforza o seu carácter solidario cooperando co Centro Ocupacional Terras de Celanova.
A Deputación de Ourense colabora coa XII edición da Andaina Concello da Merca, que se celebrará este domingo, día 9 de outubro, a favor do Centro Ocupacional Terras de Celanova.
O vicepresidente primeiro da Deputación, Rosendo Fernández, reuniuse esta mañá co edil do Concello de A Merca José Manuel Taín para abordar os detalles dunha iniciativa que conta cun percorrido de 16 quilómetros.
A saída está prevista para as 09,00 horas no local social de Rubillós, que tamén acollerá a chegada. Entremedias, os participantes afrontarán un percorrido por enclaves coma a canle do Ruca ou o roteiro San Marcos – Penedo da Moura.
Os interesados en participar neste evento poden inscribirse no Concello da Merca -ata este venres, ás 13,00 horas- ou o mesmo día da andaina, ata media hora antes. A inscrición ten un custe de 5 euros, do que 1 euro irá destinado ao Centro Ocupacional Terras de Celanova.
Os participantes terán avituallamento durante o percorrido e pinchos ao final.