A cooperación coas entidades locais é o capítulo que reúne a maior contía das achegas, con preto de 452.000 euros.
A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense, reunida esta maña no Pazo Provincial baixo a presidencia de Manuel Baltar, aprobou a concesión de máis de 628.000 euros en subvencións con destino a 15 concellos e entidades da provincia para financiar proxectos en infraestruturas e iniciativas sociais, culturais e deportivas.
A cooperación coas entidades locais é o capítulo que reúne a maior contía das achegas, con preto de 452.000 euros. En detalle, na orde do día figuraba unha subvención de 200.000 euros a favor de Barbadás para a rexeneración do firme na avenida de Celanova, na Valenzá; 5.000 euros para o Concello do Barco de Valdeorras polo Campionato de Atletismo deste ano; e máis de 3.000 euros para actuacións na área de autocaravanas e o circuíto de orientación deportiva de Cenlle.
Tamén foi aprobada unha achega de case 38.500 euros para a rehabilitación do forno Espasa en Chandrexa de Queixa; 48.000 euros para abastecemento, saneamento e reposición do firme ata o depósito en Cimadevila (Laza); 30.000 para o asfaltado de vías municipais en Parada de Sil; idéntica cantidade para o equipamento de vivendas sociais na Peroxa; 48.000 euros para o arranxo de pistas de pádel en Verín; e 49.000 para a escultura Limuhe, A Dama da Lagoa en Xinzo de Limia.
Polo que se refire á colaboración coas entidades, a Xunta de Goberno concedeu 24.000 euros ao Consello Regulador do Ribeiro para un plan de promoción da denominación de orixe; 5.000 á Sociedade Filarmónica Solpor para gastos de funcionamento; 70.000 á Real Federación Galega de Fútbol, na súa delegación en Ourense, para a Copa Fútbol e Fútbol Sala. A Fundación para a protección de Discapacitados Psíquicos da comarca de Verín contará con 48.000 euros para dotacións do novo centro de atención; o Club Deportivo Arenteiro recibirá 22.500 euros para gastos de funcionamento; e coa mesma finalidade a asociación cultural FETEGA disporá de 7.000 euros.