Ourense acolle esta fin de semana a “Final 4” do Campionato Absoluto de España de Hóckey sala masculino e feminino

Na presentación do torneo no Pazo Provincial, o vicepresidente primeiro, Rosendo Fernández, afirmou que a cidade converterase “no epicentro do mellor hóckey nacional, unha disciplina tan arraigada na nosa provincia e que xa forma parte dese ecosistema deportivo no que tanto cre a Deputación”.

O presidente da Federación galega, Roberto Baratta, explicou que este campionato forma parte dunha estratexia “para situar de novo a Ourense de forma radical no calendario das máximas competicións nacionais e internacionais de hóckey, ademais de actuar como dinamizador deportivo e turístico da cidade”.

Os días 11 e 12 de febreiro darase cita no Pazo dos deportes Paco Paz máis de 200 persoas entre deportistas e técnicos dos catro equipos que participarán na competición e que buscarán unha praza no europeo de 2024.

O Pazo dos Deportes Paco Paz de Ourense acollerá a próxima fin de semana -11 e 12 de febreiro- a “Final 4” do Campionato Absoluto de España de Hóckey sala, nas categorías masculina e feminina, que reunirá na capital a máis de 200 persoas entre deportistas e técnicos dos catro equipos que participarán na competición. Os detalles deste torneo foron presentados esta mañá no Pazo Provincial polo vicepresidente primeiro, Rosendo Fernández, acompañado polo delegado territorial da Xunta, Gabriel Alén; o asesor de Deportes do Concello de Ourense, Aníbal Pereira; e o presidente da Federación Galega de Hóckey, Roberto Baratta.

Con esta competición, afirmou Rosendo Fernández, “Ourense converterase no epicentro do mellor hóckey nacional, unha disciplina tan arraigada na nosa provincia e que xa forma parte dese ecosistema deportivo no que tanto cre a Deputación”. Unha cita deportiva, apuntou, “que suporá a presenza na cidade esta próxima fin de semana dun milleiro de afeccionados en cada xornada de competición, ademais da importante difusión que terá o campionato” cun completo seguimento por redes sociais e maila emisión de partidos a través do canal Teledeporte de TVE e da Televisión de Galicia.

As probas de elite: ferramenta de retorno económico

Gabriel Alén felicitouse “polo resultado da colaboración institucional e polo traballo da federación, que seguro traerá a Ourense non só deporte de base, senón tamén probas de elite que terán gran repercusión no turismo deportivo”. A estas palabras sumouse Anibal Pereira cualificando a estas competicións como “unha importante ferramenta de retorno económico”.

Roberto Baratta agradeceu a colaboración da Deputación, do Concello de Ourense e da Xunta de Galicia por acoller de novo na cidade un torneo de hóckey da máxima relevancia, “colaboración que hai un ano permitiu celebrar tamén na capital o campionato europeo feminino que gañou a selección española”. Este torneo, engadiu, forma parte da estratexia da federación para situar de novo a Ourense de forma radical no calendario das máximas competicións nacionais e internacionais de hóckey, ademais de actuar como dinamizador deportivo e turístico da cidade”.

Esta fin de semana, explicou Baratta, no Pazo dos Deportes “daranse cita os mellores equipos masculinos e femininos que, ademais de pelexar polo cetro nacional, tamén loitarán por unha praza no campionato de Europa de 2024. Estes equipos son, en categoría masculina, o Complutense (Madrid), Club de Campo (Madrid), Junior FC (San Cugat, Barcelona) e FC Barcelona. En categoría feminina participarán o Complutense (Madrid), Club de Campo (Madrid), UD Taburiente (Gran Canaria) e CD Hóckey La Candelaria (Málaga). Na tarde do sábado, día 11, disputaranse os cruzamentos de semifinais, mentres que a mañá do domingo, día 12, resérvase para os partidos que darán opción a medalla.

Ourense, sede do campionato infantil en maio 

Baratta anunciou ademais a celebración no mes de maio, e por primeira vez en Ourense, do Campionato Infantil de Hóckey sala, masculino e feminino, coa participación de 24 equipos e a presenza na cidade de máis de 800 persoas. Un torneo que, segundo dixo, podería disputarse en dúas pistas que se están a planificar en Expourense.