O campamento “Explora Ourense” 2019 ofrece a nenos e mozos actividades que promoven a riqueza natural e cultural da provincia

A Deputación de Ourense organiza este programa, dirixido a nenos de 9 a 14 anos, que se desenvolverá do 1 ao 12 de agosto no complexo turístico do Corgo, en Muíños.

O Campamento da Ourensanía “Explora Ourense” 2019, que organiza a Deputación de Ourense coa colaboración do concello de Muíños e Sustinea, volverá a amosar á mocidade ourensá a riqueza natural e cultural da nosa provincia cun amplo programa de actividades lúdicas e educativas que teñen como elemento común a natureza da Baixa Limia. A presentación desta iniciativa tivo lugar hoxe no centro cultural “Marcos Valcárcel”, acto no que participou o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e o representante de Sustinea, Paulo Vázquez.

O presidente do goberno provincial destacou o éxito desta iniciativa “que afonda na nosa aposta polos máis cativos, sumándose a outras como Pazolandia ou o programa EsquiOU”. “O campamento da Ourensanía ofrece aos rapaces, no Corgo, en Muíños, en pleno parque natural da Baixa Limia, a posibilidade de desenvolver actividades en pleno contacto coa natureza”, engadiu Baltar.

Neste sentido, o representante de Sustinea salientou, en base á experiencia dos seis anos que levan a desenvolver o campamento, o perfil participantes no mesmo, destacando unha maioritaria procedencia do ámbito rural e cun grande respecto e inquietude pola natureza e o medio ambiente”.

O campamento, que está destinado a 50 rapaces da provincia de entre 9 e 14 anos, desenvolverase no complexo turístico do Corgo, en Muíños, en dúas quendas: do 1 ao 6 de agosto ofreceranse 25 prazas para os nenos de entre 12 e 14 anos, e do 7 ao 12 de agosto, outras 25 prazas, para os rapaces de idades comprendidas entre os 9 e os 11 anos. Os interesados en participar poderán solicitar a súa praza desde o 17 ata o 28 de xuño no rexistro da Deputación de Ourense. As follas de solicitude poderán obtelas no rexistro provincial ou na páxina web www.exploraourense.com. O sorteo das prazas realizarase o día 2 de xullo no centro cultural “Marcos Valcárcel”, nun acto que estará aberto ao público e que se poderá ver a través da web da Deputación. O prezo de inscrición é de 88 euros.

Este proxecto lúdico e educativo inclúe na súa programación actividades vencelladas coa natureza, o deporte, actividades ao aire libre, xogos, entre outras iniciativas que pretenden “a inmersión na natureza” dos participantes, sinalou Paulo Vázquez.