Na presentación da proba, o vicepresidente da Deputación, César Fernández, destacou “a aposta permanente do goberno provincial polos deportes náuticos”, desta volta nun encoro “que ademais de ter a fortuna de ser un importante espazo natural tamén é o escenario idóneo para a práctica destes deportes”.
En nome da organización do evento, o secretario da Real Federación Galega, Marcos Casaleiro, mostrou a súa satisfacción “por unha proba inédita no calendario nacional froito de cinco intensos anos de traballo”.
Os participantes porán a proba as súas habilidades cun circuíto estilo xincana, probas de fondeo e realización de nós mariñeiros.
O Parque Náutico de Galicia, en Castrelo de Miño, acolle este sábado a celebración da primeira Copa de España Inclusiva de Motonáutica, competición organizada polas reais federacións galega e española deste deporte, co apoio da Deputación, e que se estrea como unha proba inédita no calendario nacional. A competición foi presentada esta mañá no Pazo Provincial coa presenza do vicepresidente segundo da Deputación e responsable para asuntos de cooperación cos concellos do Ribeiro, César Fernández, que estivo acompañado polo alcalde de Castrelo de Miño, Avelino Pazos; o xefe de Deportes da Xunta en Ourense, Manuel Pérez; e os representantes da Real Federación Galega de Motonáutica, Marcos Casaleiro e Carlos Alberto Estévez.
César Fernández quixo destacar “a aposta permanente do goberno provincial polos deportes náuticos”, desta volta no encoro de Castrelo de Miño, “que ademais de ter a fortuna de ser un importante espazo natural tamén é o escenario idóneo para a práctica destes deportes”. Avelino Pazos agradeceu pola súa banda o esforzo dos organizadores “polo gran traballo que hai tras esta competición, que volverá a converter ao Parque Náutico de Galicia nun referente nacional”. Manuel Pérez expresou o seu orgullo por “dar un exemplo máis de cooperación entre as tres administracións colaboradoras -Deputación, Xunta e Concello-“, afirmando que eventos como este demostran que Ourense “goza de boa saúde deportiva “.
Marcos Casaleiro e Carlos Alberto Estévez explicaron os detalles dunha proba que nace como Copa de España “pero que esperamos regrese a Castrelo de Miño o próximo ano como campionato nacional”, dixo Casaleiro mostrando a súa satisfacción “por unha proba inédita no calendario nacional froito de cinco intensos anos de traballo”.
A competición, sinalou Estévez, consistirá nunha serie de desafíos que porán a proba as habilidades das persoas participantes, como un percorrido estilo xincana, probas de fondeo e realización de nós mariñeiros, con tres mangas seguidas das que só as dúas últimas serán válidas. A Copa dará comezo ás 10.45 horas da mañá e os tres primeiros clasificados de cada categoría recibirán un trofeo acreditativo.