Manuel Baltar e o director xeral da proba ciclista, Javier Guillén, acordaron hoxe a colaboración promocional da Deputación de Ourense na caravana publicitaria, que estará presente en todas as etapas, dando a coñecer os atractivos turísticos e termais da provincia de Ourense.
A provincia de Ourense volve ser, un ano máis, un dos territorios protagonistas da Vuelta a España, nesta ocasión na caravana publicitaria que acompaña a rolda ciclista en todas as súas etapas. Así o acordaron hoxe en Madrid o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e o director xeral de Unipublic e da “Vuelta”, Javier Guillén, unha colaboración que permitirá á Deputación de Ourense, a través do Inorde, promocionar en todo o mundo, entre o 19 de agosto e o 10 de setembro, ao longo de 21 etapas, os atractivos turísticos, termais, naturais e históricos da provincia de Ourense na 72ª edición da Vuelta a España.
A caravana publicitaria incluirá un vehículo coa imaxe promocional de “Ourense, a provincia termal”, con material de merchandising, e a presenza no denominado “Parque Vuelta”, un espazo temático de ocio, espectáculos e gastronomía visitado por máis de 100.000 persoas, principalmente público familiar.
A imaxe de “Ourense, a provincia termal” será difundida en 190 países, nun evento que terá 140 horas de difusión en televisión, cunha media diaria estimada de audiencia de 1,4 millóns de espectadores. Ademais, o alcance da promoción completarase coa difusión a través da web da Vuelta (4,1 millóns de visitantes), e as plataformas móbiles (250.000 descargas), así como nas redes sociais (con 590.000 fans e máis de 14 millóns de vídeos vistos). As cifras de espectadores que seguen “in situ” a “Vuelta” é de 2,5 millóns de persoas, ao longo das máis de 400 cidades que visita a caravana nos seus 3.500 quilómetros de percorrido.
Manuel Baltar destacou que a “Vuelta” “é moito máis que unha competición deportiva, supón un evento de grande magnitude social e económica que nos permite seguir posicionando á provincia de Ourense nesa estratexia de promover e difundir as singularidades e valores do noso territorio”. “É unha aposta na que xa o ano pasado a provincia de Ourense foi a principal protagonista, coa disputa de catro etapas no noso territorio, e nesta edición damos un paso máis, achegándonos directamente ao público para ofrecerlles toda a riqueza turística, cultural e natural que ofrece a nosa provincia”.
“Ourense volve situarse no ámbito internacional, unindo deporte e turismo, coa súa presenza na proba máis importante do ciclismo no mundo, xunto co Tour de Francia e o Giro de Italia, unha posta en valor para destacar aos 92 concellos da provincia, coa súa oferta turística”, remarca Manuel Baltar.
A 72ª edición a “Vuelta” comezará o 19 de agosto en Nimes (Francia) e percorrerá rexións do Mediterráneo como Cataluña, Valencia, Murcia e Andalucía, e tamén do Cantábrico, Asturias e Cantabria, ademais da Rioxa e Cuenca, para rematar en Madrid o 10 de setembro.