A Deputación concede 350.000 euros en axudas para oito proxectos municipais e iniciativas deportivas, veciñais e culturais

A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense aprobou hoxe a concesión de máis de 350.000 euros en subvencións para o financiamento de oito proxectos municipais, así como outras iniciativas de carácter deportivo, veciñal e cultural.

Na sesión celebrada esta mañá, baixo a presidencia de Manuel Baltar, concedeuse unha achega de 125.000 euros ao Concello de Pereiro de Aguiar para mellora de vías municipais, ademais doutra axuda de preto de 48.000 euros para acondicionar o acceso á estrada OU-540 en Parderrubias (A Merca). Case idéntica cantidade recibirá San Amaro para un plan de optimización do alumeado público na parroquia de Eiras.

Segundo o acordado hoxe, o Concello de Parada de Sil disporá de dúas axudas: 35.000 euros para o acondicionamento da pasarela do río Mao e outros 25.000 para a reparación de infraestruturas danadas nas riadas de principios de ano.

A relación de axudas aprobadas esta mañá para cooperación cos concellos complétase con 10.000 euros a favor de Entrimo para as Portas do Xurés; 25.000 a San Xoán de Río para acondicionar noiros por derruba; e 17.000 euros para a restauración de farois no concello de  Toén.

En colaboración con entidades, a Xunta de Goberno aprobou unha achega de 10.000 euros a favor da Federación Galega de Hóckey para o Campionato de España infantil masculino e feminino; a asociación cultural Luarada recibirá 5.000 euros para o Festival RIR de Allariz; e o colectivo veciñal O Castro contará con 2.500 euros para o equipamento do local social.