A 35ª edición do “Día da Bici” encherá as rúas de Ourense de deporte e concienciación viaria

O evento deportivo familiar máis multitudinario da capital ourensá celebrarase o vindeiro 22 de setembro, ás 12.00 horas.

Un ano máis as rúas de Ourense encheranse de deporte, saúde e concienciación viaria coa celebración do “Día da Bici”, un evento que chega á súa 35ª edición “desde que en 1984 botara a andar esta manifestación festiva e reivindicativa de concienciación social sobre o uso da bicicleta e o respecto ao ciclista”, expresou hoxe o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández, no acto de presentación, celebrado no Pazo Provincial. 

A Deputación de Ourense apoia económica e organizativamente a celebración do evento deportivo familiar máis multitudinario da capital ourensá, “que congrega a miles de ciclistas de todas as idades e que ten como obxectivo a convivencia deportiva e saudable nunha xornada na que os protagonistas son os nenos, as familias e as bicicletas”, destacou Rosendo Fernández. 

O acto de presentación contou tamén coa participación do presidente da fundación “Ado Moure”, Carlos Moure; do concelleiro de Deportes do Concello de Ourense, Mario Guede; do subdirector xeral de La Región, Carlos Barbosa; do coordinador de Deporte Escolar da Xunta en Ourense, Manuel Pérez, e do representante da Asociación Cicloturista Ourensana, Leonardo García. 

Carlos Moure salientou que o Día da Bici “sempre é unha festa para os nenos e as súas familias, xa que sen eles e sen o apoio das administracións e patrocinadores non sería posible, pero tamén é un día para seguir facendo un chamamento á concienciación polo respecto ao ciclista, un debate que debe estar presente nos medios de comunicación e en toda a sociedade”, destacou, engadindo que hai que facer máis pola prevención, a sensibilización e a atención ás vítimas de accidentes viarios”. 

Pola súa banda, Carlos Barbosa subliñou o apoio que desde fai vinte anos o suplemento “+ Deporte” de La Región vén dando a todas as actividades deportivas e sinaladamente ás relacionadas co deporte infantil e de base na provincia de Ourense, “e incorporamos o Día da Bici a este labor de información porque apoiando esta iniciativa, entre todos, contribuímos a fomentar o deporte da bicicleta e a seguridade viaria”. Nesta mesma liña, Mario Guede dixo que o deporte “é un hábito necesario que ten arraigado na sociedade, e iso vese no feito de que cada vez máis xente o practica”, e salientou que o Dia da Bici se encadre “dentro da Semana Europea de Mobilidade, o que contribúe a visualizar o deporte infantil e, neste caso concreto, a vencellalo co ciclismo”. 

Manuel Pérez expresou a súa satisfacción pola “excelente cooperación entre todas as institucións para que o Día da Bici volva ser un éxito”, e o representante da Asociación Cicloturista Ourensana destacou “o bo estado das estradas na provincia de Ourense para a práctica do ciclismo” e reclamou “máis atención no ámbito da seguridade viaria”. 

O Día da Bici celebrarase o domingo 22 de setembro, con saída ás 12.00 horas da Alameda e o habitual percorrido polas rúas da capital ourensá: Marcelo Macías, avenida de Portugal, Ervedelo, Progreso, Pardo de Cela, Ponte do Milenio, Xesús Pousa, Gómez Franqueira, Río Arnoia, avenida de Santiago, avenida das Caldas, Vicente Risco, Ponte Nova, Curros Enríquez, Sáenz Díez, Don Bosco e Progreso, para rematar novamente na Alameda. As inscricións poden realizarse na carpa situada na rúa do Paseo ou en Ciclos Moure, e, como cada ano, haberá entre os inscritos sorteos de material deportivo e de xamóns de bodega de Coren.