Manuel Baltar destacou na presentación destas actividades a XXX edición do Ciclo de Órgano e Música Antiga, “un ciclo que leva 30 anos consecutivos a celebrarse e cun órgano que no seu tipo é o primeiro de Europa”.
O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, presentou hoxe no Pazo Provincial xunto ao alcalde e á concelleira de Cultura de Xunqueira de Ambía, José Luís Gavilanes e Covadonga Suárez; e ao comisario da exposición “Órgano, música e natureza”, Baldomero Moreiras, o programa cultural e deportivo que ofrece o Concello de Xunqueira de Ambía para este verán.
Trátase dun variado programa de actividades do que cabe destacar a XXX edición do Ciclo de Órgano e Música Antiga, “un ciclo que leva 30 anos consecutivos a celebrarse e cun órgano que no seu tipo é o primeiro de Europa”, destacou Baltar.
O presidente do goberno provincial agradeceu ao Concello de Xunqueira de Ambía que “mantivera durante todo este tempo unha iniciativa cultural como esta e que forma parte dunha variada programación cultural, musical e deportiva coa que colabora a Deputación de Ourense porque é un dos mellores espellos deste verán da provincia de Ourense, do que significamos e do que queremos chegar a ser”.
O ciclo, “único do país que leva 30 anos a celebrarse ininterrompidamente”, dixo Jose Luis Gavilanes, terá lugar na Colexiata Santa María a Real, ás 20.00 horas, e aglutina catro concertos que se celebrarán os domingos, comezando o 18 de agosto, con Rui Paiva; o 25 de agosto continuará Abdelaziz Samsaoui, Ins Árabes e Marisol Medive; o 1 de setembro será a quenda para o dúo la Oropéndola; e pecharán esta edición os titulados de Órgano do Conservatorio Profesional de Música de Ourense, o día 8 de setembro.
Como actividade paralela ao ciclo e para conmemorar esta 30 edición tamén se organizou a exposición “Órgano, música e natureza” comisariada por Baldomero Moreiras e na que participaron 30 artistas de diferentes disciplinas artísticas como fotografía, escultura, pintura e gravado. A mostra poderase visitar do 8 de agosto ao 8 de setembro.
Na proposta cultural do concello tamén se inclúe o IV curso de Contos pintados con música, “no que 30 alumnos perfeccionarán a súa pericia para tocar instrumentos de corda e de vento e logo realizarán concertos en diferentes municipios ourensáns”, explicou o alcalde de Xunqueira de Ambía. Así mesmo, celebraranse unha serie de catro concertos que teñen como obxectivo atraer a Xunqueira visitantes e peregrinos que realizan o tramo do camiño de Santiago que atravesa o municipio.
No relativo ao apartado deportivo, o alcalde de Xunqueira de Ambía presentou a andaina “Camiña e coñece” que recupera camiños para destacar o patrimonio paisaxístico e etnográfico. A ruta de sendeirismo terá lugar o día 10 de agosto e “esperamos que participan nela máis de 350 persoas”, sinalou José Luis Gavilanes.
Ademais o automobilismo terá tamén o seu espazo no municipio de Xunqueira de Ambía coa IV concentración de coches antigos fabricados entre os anos 1900 e 1969 e que se celebrará o día 17 de agosto. Por último, os días 24 e 25 de agosto terá lugar a VI Subida Xunqueira de Ambía.