Viana do Bolo acolle en agosto o Campus do Atlético de Madrid, para nenos de 5 a 16 anos

Manuel Baltar, o exfutbolista Manuel Sánchez “Manolo” e o alcalde vianés, Abelardo Carballo, presentaron na Deputación de Ourense as actividades deste campus, onde os valores do deporte serán os protagonista.

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, xunto ao ex futbolista do Atlético de Madrid e director deportivo dos campus, Manuel Sánchez, “Manolo”, e o alcalde de Viana do Bolo, Abelardo Carballo, presentaron as actividades do Campus de verán do Atlético de Madrid, que se desenvolverá no concello vianés do 2 ao 7 de agosto, dirixido a nenos e mozos de entre 5 e 16 anos.

“Trátase de poñer de relevo os valores do fútbol e, en xeral, de deporte: sacrificio, compañeirismo, solidariedade e colaboración, e facelo a través dunha iniciativa que terá lugar nun municipio que destaca pola súa riqueza ambiental, como é Viana do Bolo”, expresou o presidente Baltar, sinalando que a Deputación de Ourense “caracterizouse nestes anos por potenciar un ecosistema de turismo deportivo que ten excelentes mostras como o labor que leva a cabo na estación de Montaña de Manzaneda; o impulso ao remo e piragüismo de alto nivel como vimos realizando en Lais, Arnoia e Castrelo de Miño, ou a cooperación para que a provincia de Ourense acolla edicións da Volta a España, masculina e feminina”, citou como exemplo.

Manuel Baltar agradeceu ao Atlético de Madrid e ao concello de Viana do Bolo o feito de que “xuntos podamos cooperar para facer realidade este campus deportivo que será algo inesquecible para os nenos e mozos que participen”. Nesta mesma liña, Manuel Sánchez dixo que a finalidade de campus é que os participantes se divirtan, aprendan técnica, pero sobre todo que podamos transmitirlles os valores da fundación e da academia do Atlético de Madrid, todo iso nunha localidade marabillosa para a práctica do deporte como é Viana do Bolo”. “Os nosos campus son unha referencia nacional e internacional –engadiu- e por iso temos unha gran responsabilidade, considerando que o deporte é un eixo prioritario para a educación dos nosos mozos “, remarcou Manuel Sánchez.

Pola súa banda, o alcalde de Viana do Bolo agradeceu a elección do municipio vianés para levar a cabo este campus, “para o que contan con toda a nosa colaboración e estamos seguros de que será un éxito”, dixo Abelardo Carballo.

As sesións, que serán impartidas por adestradores da academia do Atlético de Madrid, terán un horario de 9.30 a 14.00 horas, e traballarase a técnica individual e colectiva, combinándoa con actividades lúdicas e competitivas. Os grupos de nenos serán reducidos, tanto por idade como por categorías, e ao final do campus cada neno recibirá unha fotografía individual, un informe técnico por parte do adestrador e un diploma acreditativo da súa participación. As inscricións poden realizarse a través da páxina web do Atlético de Madrid e do correo electrónico: campusatmgalicia@gmail.com.