Unha xornada, para pequenos e medianos municipios, afondará na xestión deportiva saudable

O evento, organizado pola Deputación de Ourense en colaboración coa Asociación Galega de Xestores Deportivos e a Xunta de Galicia, formará a responsables políticos e técnicos implicados na promoción deportiva.

A xornada terá lugar o vindeiro venres, 8 de novembro, no centro cultural “Marcos Valcárcel”.

Unha xornada, para pequenos e medianos municipios, afondará na xestión deportiva saudable. O evento, organizado pola Deputación de Ourense en colaboración coa Asociación Galega de Xestores Deportivos e a Xunta de Galicia, formará a responsables políticos e técnicos implicados na promoción deportiva. A presentación da xornada tivo lugar hoxe no Pazo Provincial, acto no que participou o asesor de Deportes da Deputación de Ourense, Bernardino González; o presidente da Federación de Asociaciones de Gestores del Deporte, Eduardo Blanco; o delegado en Ourense da Asociación Galega de Xestores Deportivos, Fernando Alonso; e o xefe de servizo de Deportes da Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta, Manuel Pérez.

A Deputación de Ourense leva “máis de trinta anos a traballar na continua formación na área de Deportes co obxectivo de incrementar a eficiencia na xestión do noso sistema deportivo”, dixo Bernardino González. Por esta razón, “presentamos esta nova xornada de xestión deportiva municipal, que reunirá a relatores de gran prestixio profesional, para falar da importancia dunha xestión deportiva saudable”, engadiu o asesor de Deportes da Deputación.

A xornada terá lugar o vindeiro venres, 8 de novembro, no centro cultural “Marcos Valcárcel” da Deputación, en horario de 16.00 ás 20.00 horas. O programa comezará, trala apertura da xornada, co relatorio “Cara un modelo común de concello activo. Coordinando esforzos”, a cargo do director técnico da Fundación Deporte Galego, Miguel Rodríguez del Corral. Posteriormente, a responsable técnico de Deportes de Abegondo, Isabel Rodríguez López falará da experiencia do Concello de Abegondo. Tralo descanso, celebrarase unha mesa redonda baixo o título “Qué significa “deporte saudable”? Estratexias e proxectos para un deporte saudable, na que intervirán Eduardo Blanco, como moderador; Miguel Santiago Alonso, Isabel Rodríguez López e Miguel Rodríguez del Corral.

Os interesados en participar nesta actividade gratuíta poderán inscribirse ata mañá na páxina web www.agaxede.org. “Esperamos que de aquí ao venres cheguemos ao centenar de inscritos”, dixo Eduardo Blanco.