O vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández, recibiu esta mañá no Salón de Plenos do goberno provincial, aos xogadores e ao corpo técnico da Selección Española de fútbol sala, que estarán en Ourense ata o día 29 de xullo, con motivo do partido internacional que disputarán contra a Selección de Exipto, o vindeiro 28 de xullo, ás 20.30 horas, no Pazo dos Deportes “Paco Paz”, sendo o primeiro encontro de preparación para o mundial “Colombia 2016” que se celebrará no mes de setembro.
Rosendo Fernández agradeceulles a súa presenza en Ourense “que ten unha gran tradición de fútbol sala”, e lembrou a importancia deste encontro “por ser o primeiro de preparación para o Mundial, porque non se gaña xogando os partidos da competición, senón nas semanas previas de preparación”, afirmou o vicepresidente da Deputación de Ourense.
Na recepción tamén estivo o vicepresidente segundo da Deputación de Ourense, Jorge Pumar; o deputado provincial de Deportes, Juan Anta; o deputado provincial de Cooperación, Pablo Pérez; o asesor de Deportes da Deputación, Bernardino González; o responsable da área de fútbol sala da Federación Galega de Fútbol, Pablo Prieto; e o delegado da Federación Galega de Fútbol en Ourense, Raul Rois.
As entradas para o partido internacional entre as Seleccións de España e Exipto, saíron hoxe á venta no Centro Cultural “Marcos Valcárcel” e no Pazo dos Deportes “Paco Paz”. Os prezos son de cinco euros para os maiores de 16 anos, dous euros para os rapaces e rapazas de entre 6 e 16 anos, e entrada gratuíta para os menores de 6 anos.
Os xogadores da Selección Española de fútbol sala volverán á Deputación de Ourense, mañá, 27 de xullo, concretamente ao Centro Cultural “Marcos Valcárcel”, para firmar autógrafos aos afeccionados, desde as 13.30 ás 14.15 horas.