Rosendo Fernández participa na presentación do LX Campionato de España de Atletismo Short Track

O deputado de Representación Institucional, Rosendo Fernández, participou hoxe en Expourense na presentación do Campionato de España de Atletismo Absoluto Short Track, que chega a súa 60ª edición logo de celebrarse de xeito ininterrompido desde o ano 1965. A competición reunirá aos mellores atletas españois do 16 ao 18 de febreiro no Recinto Feiral de Expourense.

Trátase do terceiro campionato de España desta modalidade que se disputa en Ourense -tralas edicións de 2020 e 2022- que contará coa participación de máis de 100 clubs procedentes das 18 federacións autonómicas. As entradas para esta competición esgotáronse nas dúas primeiras semanas, pero poderá seguirse a través de Teledeporte.

Este campionato, que será previo ao Mundial de Glasgow (29 de febreiro ao 3 de marzo), permitirá ver a grande atletas galegos como Ana Peleteiro, Adrián Ben, Belén Toimil, Saleta Fertnández ou Leticia Gil.

Tamén participaron na presentación o director xerente de Expourense, Rogelio Martínez; o presidente da Federación Galega de Atletismo, Iván Pablo Sanmartín; o presidente da Real Federación Española de Atletismo, Raúl Chapado; o secretario xeral para o Deporte da Xunta, José Ramón Lete; e o alcalde do Concello de Ourense, Gonzalo Pérez.