Preto de 300 deportistas disputarán este domingo o Trofeo Carlos Outeiriño Special Olympics de fútbol sala no Pazo Paco Paz

Na presentación deste evento inclusivo participaron a deputada de Política Social, Patricia Torres; o presidente de Special Olympics Galicia, Eladio Fernández; o concelleiro de Deportes en Ourense, Aníbal Pereira; o xefe territorial de Deportes da Xunta, Manuel Pérez; e o deportista Pablo Puente.

“Desde a Deputación temos clara a importancia de axudar e dar visibilidade a  este tipo de actividades realizadas por persoas tan especiais, e estamos encantados de que unha proba de tanta importancia teña lugar en Ourense”, sinalou Patricia Torres.

A sala de prensa da Deputación de Ourense acolleu esta mañá a rolda de prensa para anunciar unha actividade moi especial que terá lugar este domingo, 22 de outubro, no Pazo Paco Paz: os 28º Xogos Autonómicos de Fútbol Sala para persoas con discapacidade intelectual, Trofeo Carlos Outeiriño Special Olympics Galicia. Un total de 279 participantes daranse cita neste evento solidario, das cales 194 son persoas con discapacidade intelectual. A xornada comezará ás 9.00 horas e finalizará ás 20.00 horas.

Na presentación participaron a deputada de Política Social, Patricia Torres; o presidente de Special Olympics Galicia, Eladio Fernández; o concelleiro de Deportes en Ourense, Aníbal Pereira; o xefe territorial de Deportes da Xunta de Galicia en Ourense, Manuel Pérez; e o deportista Pablo Puente, que disputará varias probas adaptadas previstas.

Patricia Torres manifestou que “desde a Deputación temos clara a importancia de axudar e dar visibilidade a este tipo de actividades realizadas por persoas tan especiais, e estamos encantados de que unha proba de tanta importancia teña lugar en Ourense, no Pazo Paco Paz”. Pola súa banda, o presidente de Special Olympics Galicia, Eladio Fernández, agradeceu o apoio das institucións públicas a esta actividade “tan significativa e importante para a integración, o reforzo da autoestima, a inclusión e a convivencia”, e fixo unha lembranza especial para Carlos Outeiriño, ourensán cofundador de Special Olympics Galicia, que lle dá nome ao torneo “e ao que lembraremos sempre con emoción porque dedicou a súa vida a loitar pola inclusión das persoas con discapacidade a través do deporte”.

Tralas intervencións de Aníbal Pereira e Manuel Pérez, que invitaron á sociedade ourensá a acudir o domingo ao Pazo Paco Paz para animar aos participantes, tomou a palabra Pablo Puente, un dos deportistas que disputarán o torneo, quen explicou que “aparte dos diversos partidos do torneo, haberá probas adaptadas onde participamos moitos deportistas, así que invitamos a que nos veñan a ver e poidan gozar desta actividade que é moi importante para as persoas con discapacidade intelectual”.