Preto de 200 atletas daranse cita no Ourense Termal Athletics Meeting

A Deputación de Ourense colabora con este evento deportivo, incluído no calendario oficial nacional da Real Federación Española de Atletismo, que se celebrará o vindeiro sábado, 18 de maio.

O Ourense Termal Athletics Meeting 2019 reunirá a preto de 200 deportistas nesta competición de atletismo en pista ao aire libre que está incluída no calendario oficial nacional da Real Federación Española de Atletismo. A presentación deste evento deportivo tivo lugar hoxe no Pazo Provincial, acto no que participou o  vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; a directora da Área de Dinamización Cultural e Educativa e Integración do Campus de Ourense da Universidade de Vigo, Ana María Torrado; o concelleiro de Deportes de Ourense, Mario Guede; o presidente e o delegado en Ourense da Federación Galega de Atletismo, Isidoro Hornillos e Ángel Fidalgo; o coordinador xeral do Ourense Termal Athletics Meeting, Eladio Gómez; e en representación do servizo provincial de Deportes da Xunta, Manuel Pérez.

A Deputación de Ourense colabora con este evento deportivo que é “o encontro de atletismo máis importante do noroeste peninsular, situado entre as doce mellores probas de atletismo en pista ao aire libre de tódalas que se celebran cada tempada en España, segundo a clasificación elaborada pola RFEA”, explicou o vicepresidente da Deputación de Ourense.

O encontro deportivo terá lugar o vindeiro sábado, 18 de maio, na pista de atletismo do Campus de Ourense da Universidade de Vigo, a partir das 18.00 horas. No evento participarán preto de 200 atletas procedentes principalmente de España e de Portugal, “algúns deles de nivel internacional e con gran proxección”, salientou Eladio Gómez.

Os principais obxectivos deste evento son difundir a imaxe de Ourense como destino turístico termal de calidade a través do deporte, dar a coñecer no ámbito deportivo a excelencia do Campus de Ourense, establecer un encontro que permita aos atletas de máis nivel mellorar as súas marcas, e mostrar aos nenos cómo desenvolverse nunha competición de alto nivel.

Eladio Gómez, quen agradeceu ás institucións “a súa aposta polo deporte e por converter a Ourense nun referente nacional e internacional”, dixo que se trata da “quinta edición deste encontro consolidado no calendario atlético nacional e que será o que abra o circuíto nacional de probas en pistas ao aire libre”. Asemade, o coordinador xeral do evento engadiu que se “deseñou, para esta competición, un programa atlético de carreiras, aproveitando unha das pistas máis rápidas de Galicia”.