Este evento deportivo, organizado polo Club Marusia e co-organizado pola Deputación de Ourense, terá lugar os días 29 e 30 de marzo no Pazo dos Deportes “Paco Paz”.
Así mesmo, o día 31 de marzo realizarase unha Master Class a cargo de Yana Lukonina, adestradora da Selección de Rusia no Centro de Preparación Olímpica de Moscú.
A sétima edición do Torneo Internacional “Ourense a provincia termal” de Ximnasia Rítmica, organizada polo Club Marusia e co-organizada pola Deputación de Ourense, citará a preto de 1.000 deportistas os días 29 e 30 de marzo en Pazo dos Deportes “Paco Paz”. A presentación deste evento deportivo tivo lugar hoxe no Pazo Provincial, acto no que participou o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o asesor de Deportes da Deputación, Bernardino González; a presidenta e o membro do Club Marusia, Pili Cobelas e Javier Rodríguez, respectivamente.
O vicepresidente da Deputación de Ourense dixo que este evento deportivo é “unha gran oportunidade para dar a coñecer as potencialidades e os atractivos turísticos da nosa provincia, aglutinando nun único evento: deporte, saúde e turismo”, salientou Rosendo Fernández. Mentres que, Bernardino González destacou sentirse satisfeito “porque a Deputación de Ourense poida contribuír a que en Ourense se celebre un evento deportivo deste nivel”.
A competición de conxuntos Escolares, conxuntos de Promoción, individuais de Promoción e individuais Base comezará o xoves, 29 de marzo, cunha participación estimada de 800 ximnastas procedentes de diferentes puntos de xeografía nacional e portuguesa, para a cal se estima unha asistencia de público de aproximadamente 1.200-1.800 persoas.
O horario da competición desta xornada será durante a mañá de 9.30 ás 13.30 horas e farase a entrega de trofeos e, pola tarde, será desde as 16.00 ata as 21.00 horas e despois será a entrega de trofeos.
Ao día seguinte, o venres 30 de marzo, será a quenda para a competición individual Masculina Absoluto, Federado Equipos e 1ª categoría. A esta xornada estímase unha asistencia de 120 deportistas de diferentes clubs a nivel nacional e internacional, cunha asistencia de pública estimada de entre 500 e 1.000 persoas. A competición comezará ás 9.30 horas ata as 13.30 horas coa posterior entrega de trofeos e, na xornada de tarde, será desde as 16.00 ata as 20.00 horas e entrega de trofeos. A presidenta do Club Marusia dixo que esta xornada de competición “permitirá gozar do máximo nivel da ximnasia rítmica nacional e internacional”, e agradeceu o apoio da Deputación de Ourense “para poder desenvolver este Campionato”.
No torneo participarán un total de 42 Clubs de Galicia, Castela León, Portugal, Asturias, Murcia, Valencia, Castela A Mancha e Moscú. A competición será retransmitida a través de Internet.
Master Class
Como peche do evento, o sábado, 31 de marzo, realizarase unha Master Class a cargo de Yana Lukonina, adestradora da Selección de Rusia no Centro de Preparación Olímpica de Moscú. Foi dúas veces Campioa de Europa, Campioa do Mundo por Equipos e tamén posúe o título de Xuíza Internacional. Asistirán a esta xornada técnica 70 participantes. “Este novo formato de Master Class é interesante porque os que queiran dedicarse ao adestramento poderán aproveitar os seus coñecementos dado que existe certa carencia formativa nesta modalidade deportiva”, salientou Javier Rodríguez.
Para rematar, a partir das 19.30 horas, celebrarase unha gala de exhibición, na que participarán diferentes ximnastas que estiveron na Master Class, así como dous conxuntos de ximnasia estética do Club Acordes de Narón e tres equipos de Ximnasia Acrobática do Club Burgas. Tamén participarán ximnastas rusas xunto con ximnastas do Club anfitrión.