Presentación do II Torneo Fútbol 8 “Ourense Provincia Termal”

Celebrarase os vindeiros 28 e 29 de maio no campo de fútbol do Couto.

O II Torneo F8 “Ourense Provincia Termal” alevín, disputarase os vindeiros 28 e 29 de maio no campo de fútbol do Couto onde participarán dous grupos de catro equipos cada un. O acto contou coa participación do do vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o asesor de Deportes da Deputación, Bernardino González; o director comercial de Caldaria, Rafael Lueña; os directivos da Escola Deportiva Ourense (EDO), Manuel Meiriño, Javier Caldas Otero, e Borja Fernández, xogador do Valladolid; o concelleiro de Deportes do Concello de Ourense, Mario Guede; e o coordinador do deporte base no servizo de Deportes da Xunta, Manuel Pérez.

A Deputación de Ourense co-organiza este evento deportivo que pretende “promocionar conxuntamente deporte e termalismo, e fixar a provincia de Ourense como un referente en Torneos de Fútbol 8 a nivel nacional”, sinalou Rosendo Fernández. “Aproveitando a iniciativa dun xogador profesional ourensá, de longa traxectoria como Borja Fernández, un referente para moitos rapaces, a nosa intención é consolidalo no panorama nacional”, engadiu o vicepresidente da Deputación de Ourense.

Javier Caldas explicou o desenvolvemento deste segundo torneo que se celebrará en dúas xornadas e os oito equipos xogarán organizados en dous grupos. No grupo A están os equipos de R.Valladolid C.F., o R.C. Celta de Vigo, o Pabellón C.F., e o E.D. Ourense, e xogarán rapaces nacidos no ano 2004, o domingo pola mañá. No grupo B participarán os equipos de R.Valladolid C.F:, R.C.D. La Coruña, Pabellón C.F., e o E.D. Ourense, con rapaces nacidos no ano 2005, onde xogarán todos contra todos para ver o perfil dos rapaces, o sábado pola tarde e domingo pola mañá. A duración de cada partido será de dúas partes de 20 minutos.

Asemade Javier Caldas adiantou que de cara ao vindeiro torneo “pretendemos que participen equipos como o Real Madrid, Barcelona e Atlético de Madrid, aínda que non participarán máis de 8 equipos, co obxectivo de que o torneo teña un perfil nacional de primeiro nivel”.

Borja Fernández dixo que o principal obxectivo desta iniciativa é que os rapaces gocen, “eu desde que xogaba aquí co Pabellón en diferentes torneos, e despois co Real Madrid visitaba distintas cidades, sempre me gustaba viaxar e participar nesta competicións. Moitos dos rapaces que xogaron o ano pasado están desexando vir”.