A Deputación de Ourense colabora con este evento “que pon en valor a importancia da nosa provincia no deporte feminino”, afirma Manuel Baltar.
Na sala de prensa do Pazo Provincial tivo lugar hoxe a presentación do “I Torneo Internacional de Fútbol Sala Feminino “Caldaria-Concello de Cartelle”, acto no que participaron o presidente da Deputación, Manuel Baltar; o alcalde de Cartelle, Jaime Sousa; o organizador do evento, José Ángel Baliñas “Taffa”, e o representante da Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, Carlos Bericat. O torneo disputarse no pavillón Piño Vilachá, de Outomuro (Cartelle) os días 4 e 5 de setembro entre os equipos Cidade das Burgas FS, Sport Lisboa e Benfica, AD Alcorcón FSF e Poio Pescamar FS.
Manuel Baltar destacou que se trata “dun evento da máxima importancia no ámbito deportivo na nosa provincia no que atinxe ao fútbol sala feminino”, e remarcou que hai anos “puxemos en marcha un plan de ecosistema de turismo deportivo que vén dando excelentes resultados, non só como escenario, senón que ao longo do tempo deu importantes mostras de triunfo deportivo, sinaladamente neste caso no ámbito feminino, pois ás tres xogadoras que hoxe nos acompañan son un exemplo, e agora que se van a celebrar os Xogos Olímpicos temos a Támara Echegoyen que en vela, en 2012, foi medalla de ouro en Londres; e tamén temos a Raquel Carrera, que no ámbito do baloncesto está convocada pola selección española, e destaca o recente triunfo de Leticia Gil, unha atleta de Valdeorras, campioa nacional de salto de lonxitude; a iso únese o feito de que hai días presentamos en Manzaneda a “Vuelta a España” feminina, que terá tres etapas na provincia de Ourense. En definitiva, toda unha aposta polo deporte feminino que ten neste torneo unha referencia europea que converterá a Cartelle na capital do fútbol sala feminino”.
Pola súa banda, Taffa agradeceu o apoio institucional para levar a cabo o evento e destacou a importancia dos equipos participantes, “situados entre os mellores de Europa”, mentres que Carlos Bericat salientou a importancia desta alianza de cooperación Deputación-Xunta “para seguir potenciando o deporte feminino na provincia de Ourense”, e o alcalde de Cartelle valorou este evento como “o mellor torneo de España e posiblemente de Europa”, agradecendo a implicación do presidente Baltar “neste proxecto, así como todo o apoio que da ao rural ourensán”, afirmou Jaime Sousa. O acto de presentación contou tamén coa asistencia das xogadoras Ana Rivera, do Poio Pescamar; Nerea Moldes, do Alcorcón FS, e Amelia Cobelas, do Cidade das Burgas.