Presentación do Campionato Galego de Piragüismo de Inverno para K-2 e C-2

A Deputación de Ourense colabora con este evento deportivo que terá lugar o 14 de abril no embalse de Velle, en Barra de Miño.

O municipio de Coles acollerá, por segundo ano consecutivo, o Campionato Galego de Piragüismo para barcos de equipo (K-2 e C-2), o vindeiro 14 de abril, ás 10.00 horas, no embalse de Velle, en Barra de Miño. A presentación desta cita deportiva tivo lugar hoxe no Pazo Provincial, acto no que participou o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; a tenente de alcalde de Coles, Susana Rodríguez; o presidente da Federación Galega de Piragüismo, Alfredo Bea, e o presidente de Piragüismo Fluvial Allariz, José Manuel Fernández.

A Deputación de Ourense colabora con esta proba deportiva “que contribúe a poñer en valor o noso territorio” e supón unha gran oportunidade “para dar a coñecer as potencialidades turísticas da nosa provincia aos centos de afeccionados que se darán cita o vindeiro sábado”, explicou Rosendo Fernández. A organización agarda “unha participación ao redor dos 500 deportistas, procedentes de máis de 30 clubs de piragüismo de Galicia, o que fará que durante esta xornada deportiva visiten o municipio de Coles máis de 2.000 persoas”, engadiu o vicepresidente da Deputación de Ourense.

Pola súa parte, o presidente da Federación Galega de Piragüismo dixo que este campionato “é unha competición de alto nivel, o que se traduce nun gran evento deportivo. O que intentamos é que este deporte náutico se abra a Ourense, que conta cuns pantanos e uns ríos que son perfectamente navegables e inmellorables”. Asemade, Alfredo Bea salientou que o obxectivo é que Ourense “siga mantendo esa posición destacada dentro deste deporte en Galicia, e desde a Federación continuaremos a traballar para facer cada vez máis visible a realidade deste deporte”.

A tenente de alcalde de Coles lembrou que este campionato regresa a Coles, “proba que o ano pasado logrou un premio de máxima competición pola Federación de Piragüismo”, e destacou que se trata “dun deporte en auxe na zona de costa e no interior, polo que é un bo pulo que desde a Deputación e desde a Federación impulsen este tipo de eventos e que se celebren na nosa provincia”.

O presidente de Piragüismo Fluvial Allariz salientou que celebrar este campionato en Coles supón que máis de 2.000 persoas visiten o concello durante esta fin de semana, “un gran motivo para atraer visitantes e facer provincia”.