Presentación da III andaina “Serra Mosteironda” de Velle

O evento deportivo terá lugar o vindeiro domingo, 29 de outubro.

A terceira edición da andaina “Serra Mosteironda” de Velle, que terá lugar o vindeiro domingo, 29 de outubro, ofrece dúas posibles rutas aos participantes cun percorrido de 18 quilómetros na modalidade da andaina longa, e de 10 quilómetros a andaina curta. A presentación desta iniciativa deportiva tivo lugar hoxe no Pazo Provincial, acto no que participou o asesor de Deportes da Deputación de Ourense, Bernardino González; o presidente e o membro da directiva da Asociación de Veciños Santa Marta de Velle, Francisco Sotelo e Manuel Álvarez, respectivamente; e o veciño, Manolo Barbosa.

A andaina transcorre na súa maior parte por Velle e esténdese tamén por Villariño, Sabadelle, Tibiás e Canivelos. “Trátase dunha iniciativa que está en crecemento, pois o primeiro ano contamos con 150 participantes e o segundo ano con máis de 250 persoas”, sinalou o presidente da Asociación de Veciños, quen explicou cos obxectivos desta andaina é “dinamizar o territorio e dar a coñecer os núcleos de Velle e recuperar os camiños tradicionais que se foron perdendo co tempo”. Bernardino González agradeceu á asociación de veciños que leve a cabo esta iniciativa “que pon en valor o noso territorio e fomenta a práctica do deporte e a vida saudable”.

Os interesados en participar poderán anotarse ata o mesmo día da proba ata cubrir as 300 prazas por un custe de 5 euros. Durante o percorrido haberá dous avituallamentos e ao finalizar a proba un aperitivo e sorteos para os participantes. A saída da proba será as 9.30 horas no campo de xogos “O Palao” en Velle, pero os participantes deberán estar media hora antes para entrega de dorsais.