Presentación da gala solidaria en favor do campión do mundo de full contact, o ourensán Simón González

A Deputación de Ourense e a Asociación de Amigos de Simón González organizan no Pazo dos Deportes “Paco Paz” un evento que ten como obxectivo axudar ao deportista na súa recuperación e fomentar a investigación no ámbito dos lesionados medulares.

A Deputación de Ourense e a Asociación de Amigos de Simón González organizan o vindeiro 7 de maio, ás 20.00 horas, no Pazo dos Deportes “Paco Paz”, unha gala solidaria que ten como obxectivo axudar ao deportista Simón González na súa recuperación, tralo grave accidente doméstico que sufriu en 2014 e que lle produciu unha lesión medular, e tamén fomentar a investigación no ámbito dos lesionados medulares e na loita contra as barreiras arquitectónicas.

A presentación da gala solidaria tivo lugar hoxe no Pazo Provincial coa presenza do propio Simón González, deportista ourensán que foi trece veces campión mundial de Full Contact/Kick Boxing, quen estivo acompañado polo vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o asesor de Deportes da institución, Bernardino González; o adestrador de Simón González, Carlos Conde; o representante da Asociación Amigos de Simón González, Santiago Álvarez, e o alcalde de San Cibrao das Viñas, Manuel Pedro Fernández, e o concelleiro do Concello de Ourense, José Araújo.

Rosendo Fernández dixo que Simón González “é unha persoa que xunta todos os valores do deporte, aos que hai que engadir a grande calidade humana que atesora, un exemplo a seguir”. Nesta mesma liña, Carlos Conde e Santiago Álvarez remarcaron que agora Simón disputa o combate máis importante da súa vida “no cal todo estaremos acompañándoo para que acade o éxito que se merece”, expresou Santiago Álvarez.

Finalmente, Simón González quixo agradecer “toda a inmensa solidariedade que estou a recibir e as mostras de cariño de tanta xente que me apoia, algo que non podo expresar máis que cunha palabra: gracias, porque iso me da forzas para seguir adiante día a día”.

A gala solidaria, que será presentada polo locutor Vidal López, inclúe no seu programa unha velada de boxeo (categorías 69 kg e 90 kg), a actuacións dos equipos de ximnasia acrobática da Escola Burgas Ourense e de Ximnasia Pontevedra, ademais de demostracións de saltos de dobre minitramp, ximnasia acrobática, a actuación do grupo RDK & Cía, combates de Full Contact e Kick Boxing, e unha Kata musical tradicional de Tai Shin.

As entradas para a gala teñen un custe de entre 10 e 15 euros, e pódense mercar a través de Internet na web ataquilla.com, nas entidades colaboradoras ou en ximnasios de Ourense.

Simón González, natual de Curras (San Cibrao das Viñas) e a asociación de amigos creada para impulsar a súa recuperación traballan para que seu caso poida ser tratado polo doutor Geoffrey Reisman, do University College de Londres, e polo neurociruxán Pawel Tabakov, quen conseguiron un éxito sen precedentes ao lograr que un parapléxico con lesión medular completa volvera a camiñar.