O público participou ao longo dos 28 quilómetros, entre o Balneario de Laias e o Parque Náutico de Castrelo de Miño, e tamén encheu a saída e a chegada da proba ciclista.
O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, entregou o trofeo ao equipo Sky, gañador da primeira etapa, capitaneado polo triplo campión do Tour, Chris Froome.
A provincia de Ourense vibra e goza co mellor ciclismo do mundo. Así o demostrou na primeira etapa da 71ª edición da “Vuelta a España” disputada entre o Balneario de Laias e o Parque Náutico de Catrelo de Miño, coa presenza masiva de espectadores ao longo dos 28 quilómetros de percorrido, quen tamén encheron os arredores da saída e da chegada á meta. O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, quen fixo entrega do trofeo ao equipo Sky, gañador da primeira etapa, formación capitaneada polo triplo campión do Tour, dixo que este “é un éxito de todos, pois a provincia de Ourense é a protagonista desta edición da “Vuelta”, un evento que é moito máis que deporte e que nos permite promocionar a singularidade do noso termalismo, o noso turismo e dinamizar social e económicamente á provincia”.
O primeiro maillot bermello da proba foi para o británico Peter Kennaugh (Sky), grazas ao triunfo do seu equipo na contrarreloxo, na que o Movistar igualou en tempo e Alberto Contador cedeu 52 segundos. O Sky levouse a victoria cun rexistro de 30.37 minutos, só 4 centésimas por diante do Movistar de Nairo Quintana e Alejandro Valverde. A continuación clasificou, a 6 segundos, o Orica do colombiano Esteban Chaves, seguido do BMC de Samuel Sánchez.
Peter Kennaugh, do equipo Sky, o primeiro líder da carreira, recibiu o seu maillot nun escenario flotante ao que se accedía por una pasarela desde o paseo fluvial, ao igual que os demais galardoados. Foi o arranque da proba ciclista máis importante do mundo, xunto co Tour e o Giro, que mañá sae do Parque de San Lázaro ás 13,40 horas. Previamente, ás 12,00 horas, a caravana da organización porase en marcha en dirección a Baiona, meta da segunda etapa.
A “Vuelta a España” regresará a Ourense, concretamente a Luintra, meta da sexta etapa, o vindeiro xoves, día 25, para deixar definitivamente a provincia ourensá ao día seguinte, venres, 26 de agosto, coa saída desde a vila de Maceda con destino a Puebla de Sanabria.