Ourense, protagonista da “Vuelta a España” 2016 coa disputa de catro etapas en territorio ourensán

Convértese na provincia de máis relevancia nos 72 anos de historia desta proba ciclista ao acoller saídas e chegadas de etapa e tamén o acto de presentación dos equipos.

Baltar, Nava Castro e o director xeral da Vuelta, Javier Guillén, xunto cos alcaldes dos concellos polos que discorrerá a proba ciclista, presentaron hoxe no Club Náutico de Castrelo de Miño as etapas da provincia de Ourense.

Manuel Baltar afirmou que esta edición da proba ciclista será “a “Vuelta Termal”, pola importancia que terá o termalismo nas etapas ourensás, ao que se une a riqueza monumental e paisaxística e vitivinícola da nosa provincia”.

Guillén avanzou que o retorno económico para a provincia de Ourense será de 250.000 euros diarios durante a semana que equipos, persoal da organización, xornalista e visitantes permanecerán na nosa provincia.

Ourense, 1 de decembro de 2015.– O Ourense será a provincia protagonista da “Vuelta a España” 2016 coa disputa de catro etapas en territorio ourensán, que terán como puntos de saída ou chegada os concellos de Cenlle, Arnoia, Nogueira de Ramuín, Castrelo de Miño e a capital ourensá. A provincia ourensá convértese así na de máis relevancia nos 72 anos de historia da “Vuelta” e na que tamén se realizará o acto de presentación dos equipos.

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar; a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e o director xeral da Vuelta, Javier Guillén, xunto cos alcaldes dos concellos polos que discorrerá a proba ciclista e co presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, Francisco Marín, presentaron hoxe no Club Náutico de Castrelo de Miño as etapas da provincia de Ourense. “Esta edición poderase chamar a “Vuelta Termal”, pola importancia que terá o termalismo nas etapas ourensás, ao que se une a riqueza monumental e paisaxística e vitivinícola da nosa provincia”, afirmou o presidente do goberno provincial. O acto contou tamén coa presenza de Pablo Rodríguez Guede, subcampión do mundo de BTT en categoría sub23, e do asesor de Deportes da Deputación de Ourense, Bernardino González.

Manuel Baltar expresou que o Plan Ourense 15-19 “ten entre os seus obxectivos o deporte en diferentes ámbitos, entre eles probas de carácter nacional e internacional como é a “Vuelta a España”, un evento que xunto co Tour de Francia e o Giro de Italia configuran as carreiras ciclistas máis importantes do mundo, sendo seguida por máis de 150 países e do que a organización estima que terá un retorno económico mínimo de 1,7 millóns de euros para a provincia de Ourense”.

“Fai dous anos a Deputación de Ourense xa apoiara que unha das etapas da Vuelta, a penúltima, que foi decisiva, saíra dun concello ourensán: Nogueira de Ramuín, etapa gañada por Alberto Contador e que posteriormente lle deu o título de campión da Vuelta. Dentro desta estratexia na 72ª Vuelta a España, Ourense será a provincia protagonista desta proba ciclista ao acoller catro etapas: a primeira, a crono entre Laias (Cenlle) e o Parque Náutico de Castrelo de Miño; a segunda, que terá a saída na cidade de Ourense; outra etapa terá como meta a localidade de Luintra (Nogueira de Ramuín), e complétase con Maceda, que será punto de saída da cuarta etapa por terras ourensás. A isto hai que engadir que a presentación dos equipos terá lugar no balneario de Arnoia”, expresou Manuel Baltar.

Javier Guillén, pola súa banda, avanzou que o retorno económico para a provincia de Ourense “será de 250.000 euros diarios durante a semana que equipos, persoal da organización, xornalista e visitantes permanecerán na provincia”, e destacou que cumprimos “cunha débeda histórica con Ourense e por elo en 2016 será a provincia que terá o maior protagonismo na “Vuelta a España” porque teremos catro etapas nesta provincia e tamén faremos unha presentación oficial en Galicia no vindeiro mes de xaneiro”.

A contrarreloxo coa que comezará a Vuelta será o día 20 de agosto e nela os ciclistas percorrerán un total de 28 quilómetros. “Trátase dunha etapa na que buscamos que xa desde o principio se marquen diferenzas entre os competidores para manter desde o comezo o perfil que terá esta edición da “Vuelta” onde a montaña terá un gran protagonismo en canto ao trazado”, comentou Javier Guillén, engadindo que coa presenza desta competición en Ourense “pretendemos aproveitar non só a forza deportiva que nos ofrece o terreo senón tamén a forza turística: estaremos no Ourense Termal, nas terras do Ribeiro, na Ribeira Sacra e na capital, cunha notable presenza de visitantes que cubrirán un aloxamento de 3.000 camas, achegando un retorno de 250.000 euros por día durante a semana que estarán nesta provincia”.

Finalmente, Nava Castro subliñou a importancia que para a promoción turística de Galicia terá a edición 2016 da “Vuelta” “que estará presente nas catro provincias pero cunha incidencia máis destacada en Ourense para que amosemos o Ourense Termal, o Ourense vitivinícola e o Ourense paisaxístico en monumental”, e avanzou que a presentación oficial da “Vuelta a España” 2016 terá lugar o vindeiro 9 de xaneiro na Cidade da Cultural, en Santiago.

A importante repercusión mediática da “Vuelta” contribuirá a destacar a singularidade da provincia de Ourense como un dos destinos termais máis importantes do mundo, destacando o ámbito internacional que acada o termalismo na nosa provincia –centro da eurorrexión Galicia-Norte de Portugal- e os aspectos técnicos, paisaxísticos e de infraestruturas termais que fan de Ourense un dos territorios do mundo con mellores condicións para actividades turísticas, de lecer e terapéuticas neste eido, fortalecido todo elo polo Plan “Ourense, a provincia termal”, que desenvolven conxuntamente Deputación de Ourense e Xunta de Galicia.