O presidente da Deputación de Ourense presentou hoxe no náutico de Castrelo de Miño esta proba deportiva.
A candidatura, elaborada conxuntamente coa Deputación de Ourense a través do INORDE, foi presentada pola presidenta da Federación Española de Remo.
O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, anunciou hoxe no náutico de Castrelo de Miño que Ourense é a provincia elixida, por unanimidade, para acoller a Coupe de la Jeunesse 2021. No acto, no que estivo acompañado pola presidenta da Federación Española de Remo, Asunción Loriente; o presidente da Federación Galega de Remo, José Manuel Seijas; e o alcalde de Castrelo de Miño, Xurxo Rodríguez, presentaron este evento deportivo de remo.
Baltar, quen destacou a “potente oferta” da provincia no ámbito deportivo onde “a auga é un elemento fundamental”, lembrou que no ano 2014, en colaboración coa Xunta de Galicia, “elaboramos o Plan Termal Provincial, un documento no que ten unha importancia fundamental o termalismo deportivo que comezamos en Laias atraendo a seleccións nacionais, a equipos de institucións académicas e diferentes clubs para preparar nas nosas “láminas de auga”, os máis esixentes e competitivos campionatos, incluídas as Olimpíadas”.
“Hoxe Ourense congratulase de poder acoller unha competición internacional”, sinalou o presidente do goberno provincial, quen agradeceu o labor que realizou o xerente do INORDE, José Manuel Rodríguez, “por ser quen de presentar unha candidatura o suficientemente potente e ben traballada, que foi presentada en Cork (Irlanda) pola presidenta da Federación Española de Remo e que foi aprobada unanimemente por tódolos países alí representados para que España acolla, por segunda vez, en concreto Ourense e Castrelo de Miño sexa a sede desa Copa da Xuventude no ano 2021”.
Na Asamblea Ordinaria da Coupe de la Jeunesse de Remo, celebrada o día 28 de xullo en Cork (Irlanda), os países integrantes da mesma votaron, por unanimidade, que Ourense, e concretamente o municipio de Castrelo de Miño, sexa a sede da edición de 2021. A candidatura, presentada pola presidenta da Federación Española de Remo, elaborouse conxuntamente coa Deputación de Ourense, a través do Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico (INORDE).
A Coupe de la Jeunesse é unha competición de remo internacional que se celebra anualmente e coa categoría de Campionato de Europa, entre os atletas máis mozos, masculinos e femininos, con idades comprendidas entre os 16 e os 18 anos, que aínda non se presentaron na Selección para o Campionato Mundial de Remo Junior por parte das súas Federacións Nacionais.
Este Campionato foi creado en 1985 e nel participan os seguintes países europeos: Austria, Bélxica, República Checa, Dinamarca, Francia, Gran Bretaña, Hungría, Irlanda, Italia, Polonia, Suíza e España. É un evento de equipo que ofrece unha competencia amistosa respectando aos demais dentro dun entorno que permite a todos funcionar a un máximo nivel.
Ten unha duración de dous días, con puntos outorgados ás nación en función da posición global en cada categoría. Como resultado, requírese un equipo global forte para obter a victoria xeral na competición, e o evento só foi gañado por Gran Bretaña (14 vitorias), Italia (11 vitorias), e Francia (8 vitorias). Os eventos disputaranse nas seguintes categorías: homes (8+, 4+, 4- ,2-,4x, 2x, 1x) e mulleres (8+,4-,2-,4x,2x,1x).
Antes da súa incorporación ao programa oficial en 2007, a participación feminina dos oitavos, desenvolveuse como un evento de demostración durante dous anos; hoxe continúa a ser o único aco que se disputa inmediatamente antes da Cerimonia de Apertura.
Cada categoría compite por separado no primeiro e segundo día da regata, o que permite aos diferentes gañadores do evento da Coupe de la Jeunesse participar cada día.
Desde os seus comezos, este Campionato celebrouse en Bélxica en seis ocasións, en Francia en tres ocasión, en Italia cinco veces (será sede tamén no 2019), en Suíza catro veces, en Irlanda en tres ocasións, en Gran Bretaña tamén tres veces, en Holanda dúas veces, e unha vez en Polonia, Portugal, España (Bañolas), Hungría e Austria, sendo esta última sede tamén no ano 2020. E no ano 2021, será a provincia de Ourense a sede deste Campionato que se celebrará en Castrelo de Miño.