Ourense é a capital do hóckey sala feminino coa celebración do Campionato de Europa esta fin de semana no Paco Paz

Manuel Baltar resaltou na súa visita á selección española o “papel que xoga no mundo do deporte o territorio ourensán, o mellor conectado de Galicia”. O presidente provincial marca a aposta por esta disciplina, “tan próxima para nós”, e pola categoría feminina: “Promocionar o deporte feminino é máis que unha obrigación para a Deputación”.

A pista central do pavillón de deportes Paco Paz acollerá este fin de semana -días 21, 22 e 23- o Campionato de Europa de Hóckey Sala Feminino, que reunirá en Ourense a seis seleccións absolutas para disputar este trofeo: Escocia, Irlanda, Suíza, Polonia, Bélxica e España como anfitrioa. Unha nova oportunidade para “poñer de relevo ó importante papel que xoga o territorio ourensán no mundo do deporte, apostando por unha disciplina tan próxima para nós como é o hóckey e por unha categoría, a feminina, cuxa promoción é para a Deputación máis que unha obrigación”, dixo o presidente provincial, Manuel Baltar, durante a visita que realizou esta mañá ás xogadoras e corpo técnico da selección, acompañado polo presidente da Federación Galega de Hóckey, Alberto Estévez; o xefe territorial de Deportes da Xunta en Ourense, Manuel Pérez; e o asesor de Deportes do Concello de Ourense, Aníbal Pereira.

Manuel Baltar deu a benvida á selección ao “territorio mellor conectado de Galicia, que demostrou ter as mellores condicións para a práctica das máis diversas disciplinas e que deu grandes exemplos de deportistas a nivel nacional e internacional”. Agora, destacou, Ourense “vístese de gala para gozar do mellor deporte de alta competición que seguro nos ofrecerá un gran espectáculo deportivo”.

Ademais de agradecer a colaboración do Concello de Ourense e da Xunta de Galicia, “unha mostra máis de cooperación entre administracións”, o presidente provincial fixo mención especial ao “espírito competitivo da federación galega, que conseguiu que Ourense sexa unha vez máis sede dun evento deportivo internacional, convertendo á cidade en capital europea do hóckey”.

Pola súa banda, o presidente da federación, Alberto Estévez, agradeceu ao presidente da Deputación o apoio recibido para organizar este campionato “nunhas magníficas instalacións que nos permiten situarnos á altura de calquera país europeo”.