Na “ winter meeting” desta prestixiosa proba, Manuel Baltar resaltou as condicións da provincia para acoller a competición a nivel de infraestruturas, transporte ou prazas hostaleiras. O presidente da Deputación garantiu “toda a forza e capacidade para xerar as condicións perfectas ás 16 seleccións europeas que disputarán a Coupe da Jeunesse. Será un éxito, e o antecedente de moitas outras probas internacionais”.
A presidenta da Federación Española de Remo destaca como esta proba -que se disputa en Castrelo de Miño entre o 5 e o 7 de agosto- supón un paso adiante de Ourense no plano internacional do remo Asunción Loriente tamén lembra o apoio do goberno provincial: “Sen a Deputación hoxe non estariamos aquí”.
O comité organizador comprobará ao longo da fin de semana os preparativos da competición e a organización do Campionato de España de Longa Distancia de remo, que se disputa mañá en Castrelo de Miño tamén co apoio da Deputación de Ourense.
O balneario de Laias acolleu esta mañá a “winter meeting” da Coupe da Jeunesse 2022, a prestixiosa competición internacional de remo que se celebrará este ano en Castrelo de Miño entre o 5 e o 7 de agosto. Nesta reunión de traballo, o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, destacou a capacidade da provincia para acoller unha proba deste nivel: “Esta competición poñerá a proba a gran capacidade organizativa que temos no territorio. Son 16 seleccións internacionais, nacións que xa coñecen estas instalacións porque en moitos casos xa viñeron aquí a adestrar no Cerlac e a preparar campionatos do mundo ou Xogos Olímpicos, medallas fabricadas nestas augas”.
Na reunión desta mañá no Balneario de Laias, o comité organizador da competición analizou as infraestruturas, as conexións de transporte ou a capacidade hostaleira de Ourense. Manuel Baltar introduciu todas estas cuestións, remarcando a importancia da chegada da Alta Velocidade -“Ourense é o territorio de Galicia e norte de Portugal mellor conectado con Madrid”- e blindando o apoio do goberno provincial: “A Deputación de Ourense poñerá toda a forza e capacidade para xerar as condicións perfectas de competición ás 16 seleccións europeas que disputarán a proba”.
O presidente da Deputación, que en 2021 recolleu en Linz (Austria) a bandeira que acredita a Ourense como organizador da Coupe da Jeunesse 2022, tamén lembrou esta mañá no balneario de Laias a importancia de xerar sinerxias para desenvolver eventos como este en a “provincia termal de Europa”, a través de institucións que preside como Partenalia -rede europea de gobernos intermedios- ou a EHTTA -asociación de cidades históricas termais de Europa-. E xa en clave de futuro, Manuel Baltar encaixou esta competición como un novo fito na estratexia do termalismo deportivo desenvolvida pola Deputación de Ourense: “Faremos todo o mellor posible para facer unha incrible Coupe da Jeunese. Será un éxito, e o antecedente de moitas outras probas internacionais. Imos traballar duro nesta liña. Demostraremos que en Ourense sabemos facer as cousas, que temos o máis importante, que é a auga, as láminas dos nosos ríos, e que temos unha administración que cre firmemente no crecemento de Ourense, neste caso, a través do termalismo deportivo”.
Un test na antesala da Coupe da Jeunesse 2022
Antes da “ winter meeting”, a organización da competición internacional celebrou a súa asemblea ordinaria, na que se reelixiu como presidente ao británico Gary Harris e designouse a Holanda como o país que acollerá a Coupe da Jeunesse 2023. No encontro estiveron, ademais de Manuel Baltar e Gary Harris, a presidenta da Federación Española de Remo, Asunción Loriente; a secretaria xeral da Coupe, Gwenda Stevens; Judit Mészáros e Bas Labordus -asesores técnicos da proba-; os presidentes de honra desta competición Patrick Rombaut e Christian Stofer e os delegados dos países participantes -Austria, Bélxica, República Checa, Dinamarca, España, Francia, Gran Bretaña, Hungría, Irlanda, Italia, Holanda, Polonia, Portugal, Suíza, Noruega e Suecia-. No encontro tamén estiveron, entre outros, Javier Soto, xerente do Grupo Caldaria; directivos da Federación Española de Remo ou o presidente da autonómica, José Manuel Seijas.
A presidenta da Federación Española de Remo sitúa esta competición como un paso máis de Ourense no plano internacional de remo: “É moi importante para a provincia, e para a Federación Española de Remo, que celebremos aquí a ‘winter meeting’ da Coupe da Jeunesse. Ourense xa é coñecido en Europa polos ‘stage’ de adestramento de moita calidade. Isto é un escaparate buenísimo para Ourense porque virán 16 países europeos a vernos de preto, a coñecer o que se fai aquí, a calidade da auga. E a ver a capacidade organizativa de Ourense”.
Ademais da asemblea ordinaria e a “ winter meeting” da proba do 2022, os participantes nesta reunión asistirán aos preparativos do Campionato de España de Longa Distancia de Remo -que se celebra mañá domingo en Castrelo- e visitarán varios hoteis da zona. “Verán toda a organización da competición desta fin de semana -resalta Asunción Loriente-. Co cal van ver que é perfectamente posible organizar probas internacionais aquí, verán que a calidade da auga é incrible e, por suposto, tamén o ben que lles acolle Ourense”.
Alianza da Deputación de Ourense e a Federación Española de Remo
O presidente da Deputación analiza a importancia desta competición como o froito dun longo proceso: “Este é o resultado dun traballo de moito tempo, de contar coas augas de Laias, Castrelo ou Arnoia e da alianza que temos desde hai anos coa Federación Española de Remo -que celebrou aquí o seu centenario-, coa súa presidenta empuxando para que Ourense albergue esta Coupe da Jeunesse en 2022”. En paralelo, Asunción Loriente destacou o “apoio fundamental” do goberno provincial: “Sen a Deputación non estariamos hoxe aquí, ao final foron os que deron o paso adiante, os que comprometeron o investimento necesario e os que nos están apoiando desde o primeiro día”.
A primeira competición internacional de remo que acollerá Ourense
A Coupe da Jeunesse é unha proba de remo que se desenvolve cada ano entre os mellores remeiros de dezaseis países de Europa con idades entre os 16 e os 18 anos. Con case catro décadas de historia, a Coupe supoñerá para a provincia de Ourense organizar a primeira competición internacional de remo, despois de consolidarse como un referente para os adestramentos das mellores seleccións nacionais e como sede de probas autonómicas e nacionais, como o xa mencionado Campionato de España de Longa Distancia de remo que se celebra mañá en Castrelo de Miño tamén co apoio da Deputación de Ourense.