Ourense convértese de novo na capital do atletismo coa celebración do Campionato de España en pista cuberta

O vicepresidente da Deputación resaltou a importancia da cooperación institucional para atraer “ao noso territorio probas deportivas de primeiro nivel. Rosendo Fernández avanza que, con este campionato, Ourense “convértese no epicentro da atención mediática nacional e internacional”.

O presidente da Real Federación Española de Atletismo, Raúl Chapado, destaca o retorno económico para a provincia desta competición, que atraerá a máis de 4.000 persoas entre o 25 e o 27 de febreiro.

O vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández, participou hoxe, en Expourense, na presentación do LVIII Campionato de España de Atletismo Absoluto en pista cuberta, que se celebrará na cidade de Ourense os días 25, 26 e 27 de febreiro co apoio económico da institución provincial. Na presentación tamén participou o director xerente de Expourense, Rogelio Martínez; o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome; o presidente da Federación Galega de Atletismo, Isidoro Hornillos; o presidente da Real Federación Española de Atletismo, Raúl Chapado; o secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete e o delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén.

O vicepresidente da Deputación de Ourense destacou a importancia da cooperación institucional como factor clave para atraer “ao noso territorio probas deportivas de primeiro nivel, como a que hoxe presentamos, que converterá durante eses días a nosa provincia na capital do atletismo, acollendo este Campionato que se celebrará nunha das mellores pistas cubertas de toda Europa”. Ao fío disto, Rosendo Fernández lembrou que a pista cuberta de Expourense acolleu, desde finais do 2017 un cento de probas oficiais, co correspondente retorno económico que isto supón para o noso territorio.

Neste mesmo sentido, o presidente da Real Federación Española de Atletismo destacou o impacto visual que terá Ourense ao acoller este evento, así como o retorno económico que suporá para a provincia, salientando a gran espectación que xera esta proba deportiva que en tan só 5 minutos vendeu o 50% dos abonos ofertados. “Vénderonse 1.200 abonos, é dicir, entradas para todas as xornadas do campionato, cumprindo co aforo máximo permitido, e o 50% delas nos primeiros cinco minutos”, sinalou Raúl Chapado.

A organización prevé que o evento atraia a máis de 4.000 persoas (deportistas, técnicos xuíces, axudantes, voluntarios e público en xeral), durante os tres días do Campionato en Expourense, convertendo a nosa cidade “no epicentro da atención mediática e informativa nacional e internacional”, sinalou Rosendo Fernández.