Ourense consolídase como provincia de referencia nos deportes náuticos co II Descenso Internacional de Piragüismo

A Deputación patrocina unha proba que o próximo domingo, día 21, congregará a 200 embarcacións e 250 deportistas pertencentes a 25 equipos de tres países, cun percorrido de case vinte quilómetros a través de seis concellos ribeiráns, con saída en Ourense e chegada en Cenlle.

Na presentación dos detalles finais da regata, o vicepresidente segundo da Deputación, César Fernández, referendou a aposta da Deputación por “afianzar un ecosistema deportivo para disciplinas náuticas que converte á provincia en escenario de regatas nacionais e internacionais”.

O río Miño protagonizará o próximo domingo, día 21, o II Descenso Internacional de Piragüismo, Ourense Provincia Termal -Memorial Chelís-, no que 200 embarcacións e 250 deportistas pertencentes a 25 equipos de tres países percorrerán unha vintena de quilómetros atravesando seis concellos ribeiráns, con saída en Ourense e chegada en Cenlle. Os detalles finais da proba foron presentados esta mañá no Pazo Provincial nun acto que contou coa presenza do vicepresidente segundo da Deputación, César Fernández; os alcaldes de Toén e Cenlle, Ricardo González e José Manuel Rodríguez; o delegado en Ourense da Federación Galega de Piragüismo, José Manuel Fernández; e o presidente do Club Piragüismo Ourense, José Luis Fernández.

César Fernández expresou a súa satisfacción pola celebración dunha segunda edición “que empeza a consolidar este evento dentro do calendario de probas deportivas da provincia”. Unha aposta importante da Deputación, lembrou, “que afianza un ecosistema deportivo para disciplinas náuticas e que converte á provincia nun escenario referente para regatas nacionais e internacionais”.

Para Ricardo González está é “unha fantástica oportunidade para que Toén forme parte dunha das grandes citas deportivas do ano, co río Miño como valor engadido e que demostra a súa capacidade para dinamizar os nosos concellos”. Un vencello entre territorio, río e deporte que tamén puxo en valor José Manuel Rodríguez, que anunciou “unha liña de colaboración na compaña do club ourensán cara a próxima creación dun equipo de piragüismo en Cenlle”.

Pola súa banda José Luis Fernández asegurou sentirse “mimado e recompensado por todos os actores –administracións, federación e deportistas- no obxectivo de converter este descenso nunha proba de referencia, que ten moitas fortalezas, e que vai servir de preparación para o Campionato do Mundo de Maratón que se celebrará a finais de setembro na vila portuguesa de Ponte da Lima.

José Luis Fernández, entre tanto, subliñou que grazas á colaboración da Deputación con este deporte 13 concellos do rural, ademais da capital, acollerán neste ano competicións de diverso tipo,” ata agora con tres regatas internacionais, dúas nacionais e tres campionatos galegos, ademais doutras regatas provinciais”.

Unha vintena de quilómetros atravesando seis concellos

O II Descenso Internacional Ourense Provincia Termal, en memoria do fundador da Escola Ourensá de Piragüismo, José Luis González “Chelis”, está organizado polo Club Piragüismo Ourense e a Federación Galega de Piragüismo, co patrocinio da Deputación e a colaboración da Xunta de Galicia, Inorde e os concellos de Ourense, Toén, Cenlle, Castrelo de Miño, Barbadas e Punxín.

Os 250 deportistas e 200 embarcacións pertencentes a 25 equipos de tres países comezarán a regata ás 11.00 horas do domingo desde A Chavasqueira, punto de partida para as categorías k1 e k2 sénior, veteranos e xuvenís, mentres que do embarcadoiro de Alongos (Toén) sairán os cadetes, paleo a pe e canoas, cun porteo de 400 metros. A meta estará situada á altura do Hotel Balneario de Laias.

Entre os participantes destacan figuras a nivel mundial como Iván Alonso (Tui, 1985), ganador de nove medallas na modalidade de maratón e subcampión mundial na última cita europea celebrada en xullo en Dinamarca. Xunto con palistas da selección  arxentina, na proba haberá representantes de todos os clubs da provincia: Fontefría de Muíños, decano dos equipos ourenáns, Fluvial O Barco, Fluvial Avión-Castrelo de Miño, Fluvial Allariz y Piraguismo Ourense.