Ourense acollerá o I Torneo Internacional Sénior

A Deputación de Ourense colabora con este evento deportivo que se celebrará do 29 de agosto ao 1 de setembro, no Club Santo Domingo.

Ourense acollerá o I Torneo Internacional Sénior, un evento de tenis que se disputará do 29 de agosto ao 1 de setembro, no Club Santo Domingo, e que está encadrado no calendario da Federación Internacional de Tenis nas categorías: +35, +40, +45, +50, +55, +60, +65 e +70, masculino e feminino, individual, dobres e mixtos. A presentación desta competición tivo lugar hoxe no Pazo Provincial, acto que contou coa participación do vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; do presidente da Federación Galega de Tenis, José Mosquera; do Servizo Provincial de Deportes da Xunta, Manuel Pérez; e dos xogadores de Brasil e Costa Rica, Francisco Menezes e Carlos Pérez.

A Deputación de Ourense colabora con este evento deportivo que “nesta primeira edición, contará coa participación de xogadores de España, Estados Unidos, Costa Rica e Brasil”, dixo Rosendo Fernández, quen engadiu que este tipo de competicións deportivas contribúen a “difundir a nosa provincia e as súas riquezas”. Neste mesmo sentido, José Mosquera sinalou que a característica deste torneo é que, “ademais de ter unha parte deportiva importante, pretende poñer en valor os lugares onde se celebra a competición para que sexan coñecidos polos xogadores participantes”.

O torneo rematará o domingo, 1 de setembro, coa entrega dos trofeos aos gañadores, ás 13.30 horas.