Manuel Baltar confirmou ao director xeral de Unipublic, Javier Guillén, o compromiso de colaboración por parte da Deputación de Ourense para a celebración desta proba, que se disputará en setembro.
Ourense volverá ser protagonista dunha proba ciclista de ámbito internacional, neste caso La Vuelta a España Feminina, que se disputará o próximo mes de setembro en diferentes localidades da provincia. O presidente do goberno provincial, Manuel Baltar, confirmou hoxe ao director xeral de Unipublic/Vuelta a España, Javier Guillén, o compromiso de colaboración por parte da Deputación de Ourense para a celebración desta proba, que figura entre as máis importantes do mundo na súa especialidade e que en 2020 contou con 87 corredoras de 20 nacionalidades e de 15 equipos diferentes, sendo España, Italia e Holanda os países con maior representación.
“O binomio Ourense-Deporte volve poñerse de relevo ao máis alto nivel coa disputa de La Vuelta a España Feminina”, afirma Baltar, destacando a importancia que unha proba destas características “supón de retorno económico e promoción turística para nosa provincial, máxime nun momento no que a recuperación da crise de COVID-19 debe centrar os nosos principais obxectivos”, expresa o presidente.
Na reunión mantida hoxe no Pazo Provincial entre Baltar e Guillén analizáronse os detalles da proba ciclista, a cal vén disputándose en España coa denominación de “CERATIZIT Challenge by La Vuelta”. É a primeira carreira ciclista feminina organizada por Unipublic e celebrouse por primeira vez no ano 2015, coincidindo coa última etapa de La Vuelta. Desde entón, consolidouse como carreira con entidade propia, erixíndose nunha das probas por etapas máis importantes do calendario World Tour feminino.
Nos seus tres primeiras edicións, disputábase nun só día, nun circuíto urbano polas rúas de Madrid, e en 2018 ampliou o seu percorrido, sendo de fin de semana e incluíndo unha etapa contrarreloxo por equipos disputada en Boadilla del Monte. En 2019 pasouse dunha contrarreloxo por equipos a unha crono individual, e na pasada edición continuou o seu crecemento incluíndo unha etapa máis ás dúas que xa eran habituais, sendo a saída oficial desde Toledo e incluíndo unha etapa en liña con final en alto, unha contrarreloxo individual e unha última etapa en liña, con chegada ao sprint, nas rúas de Madrid.