Ourense acollerá a sede do Centro de Tecnificación de Hóckey de Galicia

Manuel Baltar, confirmou, na reunión celebrada no Pazo Provincial cos directivos da Federación Galega de Hóckey, o apoio económico da Deputación de Ourense para a instalación desta infraestrutura deportiva.

Ourense acollerá a sede do Centro de Tecnificación de Hóckey de Galicia (CeTeGa). Así o confirmou o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, na reunión que mantivo no Pazo Provincial cos directivos da Federación Galega de Hockey (FGH), expresando o apoio económico por parte da institución provincial para a ubicación desta infraestrutura deportiva, que estará situada no barrio de Mariñamansa, na capital ourensá. Na reunión participaron xunto ao presidente do goberno provincial, o presidente da Federación Galega de Hóckey e o vogal da entidade, Alberto Estévez e Francisco Masid, respectivamente, e Roberto Baratta, responsable de promoción do CeTeGa.

Esta iniciativa xurde a proposta da Federación Galega de Hóckey e está incluída no Plan 2020-2022 para a promoción e divulgación do hóckey en Galicia. A federación ven de crear o Centro Galego de Tecnificación (CeTeGa) como organismo dependente da Federación Galega de Hóckey, que da resposta organizativa e de xestión aos obxectivos da Federación que son: a organización e xestión de competicións e licencias, a promoción e divulgación do deporte o hóckey herba e sala e a mellora, cualificación e tecnificación de xogadores, técnicos, árbitros e xuíces.

O CeTeGa ten a misión de prover os medios, mecanismos e organización para a educación deportiva, capacitación e tecnificación dos xogadores, adestradores e árbitros galegos. Funciona como organismo dependente da FGH, xestionado pola sección de Promoción nas funcións de estratexia, misión, xestión financeira e de recursos, relacións con terceiros e programación anual. Baixo a dirección técnica da FGH nos ámbitos de programas técnicos e deportivos, o centro desenvolverá actividades coordinación técnica, organización de adestramentos e cursos.