O presidente provincial, Luis Menor, comprobou hoxe in situ a marcha destas actividades, “adaptadas a cada circunstancia” e agradeceu aos colectivos “o ben valoradas que están, grazas ao excepcional traballo que desenvolve o persoal do Pazo Paco Paz”.
A Deputación de Ourense mantén activos 11 convenios con entidades e colectivos que traballan con persoas que padecen enfermidades graves ou crónicas, menores e mocidade en situación de desamparo ou persoas con discapacidade para que, de forma totalmente gratuíta, podan beneficiarse dos programas de fitness terapéutico que se ofrecen no pazo dos Deportes Paco Paz.
En virtude destes convenios máis de 200 usuarios acoden ás 5 salas do Paco Paz nas que se realizan actividades de fitness adaptadas ás circunstancias e capacidades dos distintos usuarios, dun xeito terapéutico e como ferramenta para a mellora da saúde e o benestar das persoas que integran os colectivos cos que se subscriben os convenios.
O presidente provincial, Luis Menor, visitou hoxe as instalacións deportivas en compañía dos representantes dos colectivos beneficiarios destes convenios, e agradeceulles “o ben valoradas que están estas actividades, grazas ao excepcional traballo que desenvolve o persoal do Pazo Paco Paz”. Ademais, lembrou que a vocación da Deputación “é ser unha institución útil para a provincia, e neste caso é especialmente motivo de orgullo porque o é para persoas con especiais dificultades”.
Colectivos beneficiarios
Os colectivos beneficiarios dos convenios de fitness terapéutico da Deputación son Aixiña (zona de aguas/spa); Lar Valdomiño (escolas deportivas infantís); Sergas (clases de pilates, ioga, enfermos covid persistente); Alcer (clases pilates e mobilidade articular en enfermos de ril); Asociación Española contra o Cancro (clases pilates, ioga, mobilidade articular de enfermos de cáncer); Auria (clases pilates e mobilidade articular de enfermos de diabetes); Cáritas, para persoas sen teito (actividades libres de ximnasio para persoas sen teito), mulleres vítimas de trata (actividades libres no ximnasio e clases colectivas) e menores en situación vulnerable (escolas deportivas o ximnasio segundo a idade); Montealegre (escolas deportivas e ximnasio); A Carballeira (escolas deportivas e ximnasio); Autismo Ourense (escolas deportivas); e Aspanas (zona de aguas/spa).